O expresidente de Pescanova afirma no xuízo que foi “o maior prexudicado” pola quebra

O antigo presidente do grupo Pescanova, Manuel Fernández de Sousa, á dereita no banco de acusados xunto aos máximos responsábeis da empresa entre 2009 e 2013 (Imaxe: Europa Press)
Manuel Fernández de Sousa, ex presidente de Pescanova, declarouse primeiro responsábel ante o Tribunal dos erros na xestión da compañía. A continuación, esgrimiu que nin a auditora da empresa nin a Comisión Nacional de Mercados e Valores advertiu á compañía pola súa situación financeira. Fronta 28 anos de cárcere por maquillar ás débedas de Pescanova para seguir recibindo financiamento.

Continúa a vista oral na Audiencia Nacional pola quebra do grupo Pescanova. Esta cuarta feira o seu ex presidente, Manuel Fernández de Sousa, declarou ante o tribunal que foi “o maior prexudicado”, á vez que admitiu ter cometido erros na xestión dos problemas de liquidez.

Fernández de Sousa afirmou ante o fiscal anticorrupción ser “o único responsábel en Pescanova”. Non obstante, tras entoar o mea culpa, quen foi presidente executivo da compañía descargou responsabilidades na súa antiga auditora, BDO, á que acusa de “cometer erros”. Tamén sinalou que a Comisión Nacional do Mercado de Valores, encargada de revisar as auditorías, “nunca” advertiu a empresa da súa situación financeira.

A Fiscalía solicita para o expresidente de Pescanova 28 anos de cárcere e unha multa superior a 22 millóns de euros por, presuntamente, maquillar a millonaria débeda da empresa, ocultando datos a inversores e organismos reguladores para continuar recibindo financiamento. Anticorrupción calcula que entre 2010 e 2011 o volume da débeda era entre tres e catro veces superior á declarada.

En 2013 as verdadeiras contas saíron da sombra cando un 25 de febreiro, dous días antes da reunión do consello de administración da compañía, Fernández de Sousa convocou a catro conselleiros e instounos a aportar 50 millóns de euros para salvar Pescanova. Na vista oral o ex presidente explicou que os convocados coñecían os “problemas de tesourería”, mais que ningún aceptou aportar capital.

Segundo o relato de Fernández de Sousa aquel movemento tiña por intención pagar a letra dun préstamo de 150 millóns de euros. O ex presidente defendeu que a primeira obriga da directiva era “manter os postos de traballo e dos negocios”, que segundo el conseguiron coa creación posterior de Nova Pescanova. Foi daquela cando o consello de administración acordou “renegociar a débeda” e acudir a preconcurso de acredores.