A exposición de Tonucci pon o ramo en Pontevedra aos actos de celebración das utopías urbanas

Tonucci, fotografado na abertura da exposición

O célebre pedagogo italiano Francesco Tonucci, chegou a Galiza convidado pola Deputación de Pontevedra para afondar no debate sobre a utilidade e a pertenza dos espazos públicos. 

O interese en faceren espazos seguros para as persoas que doten as crianzas de autonomía é un dos obxectivos declarados do goberno da Deputación de Pontevedra, e é por iso que a figura do recoñecido pensador italiano constitúe un eixo básico para pensarmos sen límites sobre o que poden ofrecen as institucións. A propia Deputación foi a encargada de deseñar unha frenética axenda que servirá para tirar conclusións sobre o presente e futuro das vilas e cidades.

O vicepresidente da Deputación, o nacionalista César Mosquera (BNG), explicou a importancia de contar con Tonucci neste proxecto, “aínda que parece unha idea moi sinxela, xa traballada por moitos autores, as teorías de Tonucci teñen a característica de seren actuais, el ataca a realidade da sociedade que temos hoxe, totalmente mecanizada, que busca unha comodidade enfermiza e pretende unha vida sumamente artificial para os nenos. Utilízase a desculpa da protección, pero é despotismo ilustrado, porque é todo para os nenos e as nenas pero sen elas. De democrático non ten nada”, aseguraba.

A pasada semana iniciábanse o ronsel de actividades coordinadas pola área de modilidade da Deputación. A recepción oficial do Goberno Provincial, que seguiría cunha intensa rolda de conferencias en diferentes concellos da provincia. Visitou diferentes centros educativos en Vilanova, Cambados e O Grove. O importante, recoñecía o italiano, é “avanzar cara novos marcos de actuación no ámbito educativo”; de feito, Tonucci destacaba que sería preciso que as actividades escolares se desenvolvan en espazos especializados e diferenciados con respecto ás aulas tradicionais. Alén dos concellos do Salnés, a delegación visitou Ponteareas, Vigo e Tomiño onde se tiña programada unha comida de traballo cos alcaldes e alcaldesas dos concellos adheridos á rede de ‘Cidades dos nenos e nenas’ no sul da provincia. Alí insistiu na importancia de tomar decisións políticas axeitadas a hora da planificación. "Dicer que un espazo público debe ser deseñado para os/as nenos/as non é máis que dicer que debe ser válido para todas as persoas, porque na vida das crianzas tamén están a xente que as acompañan", aseguraba.

Pontevedra, a cidade inspiradora

Non foi esta a primeira visita á cidade do Lérez. Desde hai tempo o goberno local pontevedrés mantén unha estreita relación co pedagogo. En numerosas ocasións o alcalde capitalino Miguel Anxo Fernández Lores ten recoñecido a influenza de Tonucci nas súas políticas de transformación urbana.

"As teorías de Tonucci teñen a característica de seren actuais, el ataca a realidade da sociedade que temos hoxe, totalmente mecanizada", afirma César Mosquera, vicepresidente da Deputación

Nesta ocasión Tonucci enchía o auditorio do Museo de Pontevedra coa palestra ‘A autonomía infantil: unha necesidade para os nenos e nenas, un recurso para a cidade e para a escola’. O pedagogo subliñou os custes de que os nenos e as nenas crezan nun espazo que lles é hóstil. Asegurou que é necesario deseñar as cidades a medida de toda a cidadanía e insistiu en que é preciso que as persoas valoren os espazos públicos que se poñen á disposición dos veciños e veciñas, devolvéndolles áreas que lle foron retiradas polo uso dos coches, tempo e posibilidades de desenvolvemento persoal, en lugar de ter só en conta os servizos que se poden ofrecer. Isto trascende a idea do deseño urbano é unha filosofía que pretende democratizar o noso enterno no que o espazo é para todas as persoas con independencia da súa condición física, psíquica ou social. Sobre a capital da provincia, Tonucci afirmaba que “Pontevedra encaixa perfectamente nese modelo de cidade. Podo entrar en coche se o preciso, pero non é a cidade a que mo di, son eu, cidadán responsable o que o decido. Ademais, que poida ir andando ou en bicicleta aos sitios ten que ver coa miña saúde… Ao mellor debo preferir que non me ofrezan unha piscina ou un ximnasio, pero si que a cidade me permita camiñar, que é máis democrático”, subliñou o investigador.

Mostra en Pontevedra

Para pór o ramo a esta semana de actos, a pasada sexta feira 28 de abril inauguouse no Pazo da Cultura de Pontevedra a exposición “Imaxinar a educación. 50 anos con Frato” sobre a traxectoria pedagóxica e vital de Francesco Tonucci na se que reivindica o poder da imaxinación desde a infancia, ao tempo que afonda nun concepto de educación baseado no respecto e a escoita as crianzas e tamén no valor da participación para fomentar a aprendizaxe e a creatividade. Estruturada en dez ámbitos que axudan a reflexionar sobre realidades cotiás como a escola, a casa, o xogo e a cidade. Neste espazo expositivo integranse máis de 100 obras e conta con debuxos orixinais de Frato (pseudónimo de Tonucci).

Ademais desde a área de mobilidade da Deputación téñense programadas actividades e obradoiros complementarios para afondar máis no pensamento de Tonucci .

A exposición poderá ser visitada até o 11 de xuño no Pazo da Cultura en Pontevedra. Ao ser preguntado pola a convenecia da exposición na cidade galega. Tonucci indicou que Pontevedra é un modelo que demostra que o que parece unha utopía pode concretarse. “É a cidade, a nivel internacional, que máis en concreto aplicou a idea e que a levou a unha proposta coherente de cambio do deseño das rúas para que favorezan a xente en lugar de os coches”, asegurou. Neste sentido, subliñou que para poder estender o modelo ao resto das vilas da provincia, ou de calquera outro lugar, cada municipio e goberno debe tomar Pontevedra como un punto de estudio, pero non copiar nada, senón traducir as solucións aplicadas á realidade particular. “Se Roma quere aproveitarse de Pontevedra, é correcto, mais non poden aplicar directamente as decisións porque as dimensións son distintas. Copiar é banal, pero inspirarse é moi importante”, subliñou.