Unha exposición fotográfica para conmemorar o 75 aniversario de EFE

Imaxe da Coruña após o naufraxio do Mar Egeo [EFE]

A axencia de noticias inaugura o 17 de setembro no Hostal Reis Católicos de Compostela a exposición 'Efe, 75 anos en fotos'.

 

Vinte e cinco láminas que botan a ollada sobre algúns dos acontecementos máis relevantes dos séculos XX e XXI. Através do obxectivo das cámaras desta axencia de noticias, Efe conmemora o seu 75 aniversario lembrando a pegada que deixaron en Galiza algúns momentos históricos. Xunto a estas, exporanse outras 50 fotografías que relatan momentos importantes a nivel internacional. 

Desde a visita de Fidel Castro ao noso país e a queimada que preparou xunto ao daquela presidente da Xunta, Manuel Fraga, até a catástrofe ecolóxica do Prestige pasando polo maior sinistro ferroviario da nosa historia, o accidente de Angrois. Estes son algúns dos acontecementos retratados pola axencia de notivias, Efe, e que fan parte do seu completo arquivo fotográfico, composto por máis de 16 millóns de imaxes. 

Co gallo dos seus 75 anos, Efe ofrecerá á cidadanía --através desta exposición-- a posibilidade de facer un percorrido visual pola historia recente do noso país e do mundo. O acto de inauguración terá lugar no Hostal Reis Católicos (Compostela) o 17 de setembro e contará coa presenza do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, o presidente de Efe, José Antonio Vera e outras personalidades da política, a xustiza, a economía e a cultura galegas.