A exposición ao radon nas contornas laborais, a debate en Compostela

Medidor de radon da USC (Foto: Santi Alvite).
A primeira edición do simposio estatal de radon laboral desenvolverase na Facultade de Medicina da USC a próxima terza feira 27 de setembro.

A primeira edición do simposio estatal de radon laboral desenvolverase na Facultade de Medicina da USC a terza feira 27 de setembro, baixo a coordinación científica do catedrático de Medicina Preventiva e Saúde Pública, Alberto Ruano Raviña.

O relatorio inaugural correrá, a partir das 9.30 horas, a cargo do profesor Ruano, quen presentará os resultados preliminares da investigación sobre a situación da exposición laboral a radon no Estado.

 A continuación, o foro estrutúrase en dúas sesións. Na primeira delas, persoal experto profundará no marco regulador e en como identificar e actuar ante a exposición a ese gas. As medicións no eido laboral e a importancia da acreditación, o rol que xoga a inspección de traballo, o papel das Administracións desde o punto de vista sindical, así como unha abordaxe do que sucede co caso portugués completan os contidos desta primeira sesión. 

Na segunda parte do simposio analizaranse exemplos de boas prácticas en diferentes contornas empresariais. As conclusións presentaranse ao final da xornada.

O laboratorio de radon da Galiza

O laboratorio de Radon de Galicia é parte do servizo de Medicina Preventiva e Saúde Pública da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela.

Este laboratorio, situado no Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela, é "froito da experiencia acumulada en I+D dende hai máis de 25 anos de profesorado e persoal investigador da USC e do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS)", segundo a institución universitaria.

O Laboratorio participou en numerosos proxectos de investigación estatais, europeos e norteamericanos e membros do grupo foron coautores do informe da Organización Mundial da Saúde sobre radon, que é guía de referencia mundial dos expertos en radon interior.