“A explotación turística que a Xunta fai das Illas Atlánticas abusa dos límites ecolóxicos do espazo natural”

Imaxe: Borealis

A Federación ecoloxista galega lamenta que o goberno pense máis en “satisfacer os intereses de navieiras e hosteleiros” que na conversión e sustentabilidade deste parque nacional.

A Federación ecoloxista galega (FEG) entende que a Consellería de Medio Ambiente ten como “meta” e “obxectivo” para o parque nacional das Illas Atlánticas (do que fan parte Cíes, Sálvora, Cortegada, Ons) o desenvolvemento turístico, por riba do que son a conservación dos seus valores naturais. Unha denuncia que fan, nomeadamente, no que se refire ás Cies, onde se dá no verán “unha masificación insoportábel”. Os ambientalistas mesmo se preguntan como a Consellería de Medio Ambiente “centra as súas internevcións” e ámbitos económicos e de infraestruturas (“que non son as súas atribucións”) para “acadar cifras disparatadas de turistas”.

Para a Federación os feitos amosan que “non existe nin unha mínima preocupación” da administración en relación a cuestións relativas co parque nacional como “que as colinias de aves mariñas se reducisen á metade”, que especies como o corvo cristado mariño colla o camiño “da extinción no Parque como antes ocorreu co arao”.

É máis, en relación a arquipélagos como as Cíes, a FEG lamenta que sexan “as navieiras as que decidan o número de visitantes en función dos seus intereses”, mentres que a Consellería de Medio Ambiente “agrava o problema”. O colectivo fai estas denuncias após Beatriz Mato, conselleira de Medio Ambiente, apostase por aumentar o número de turistas neses espazos protexidos.