Covas de Vale, en Baralla

Unha explotación mineira ameaza nos Ancares unhas covas de gran valor ambiental e que poderían albergar arte rupestre

Unha campaña pide a protección “efectiva” deses espazos ao tempo que insta a Xunta a que realice unha prospección a fondo dos terreos afectados para estudar  a posíbel presenza de arte rupestre e procurar polo miúdo restos paleontolóxicos e arqueolóxicos.

As Covas de Vale, no concello de Baralla, comarca dos Ancares, están ameazadas por un proxecto de explotación mineira. O proxecto foi aprobado pola Dirección Xeral de Minas da Xunta en 2007, en conivencia co goberno municipal, o cal promoveu unha modificación do planeamento para suprimir o réxime protector do solo no que se emprazan as covas, e así favorecer a apertura da canteira. Unhas covas que teñen un importante valor cultural e ambiental e que poderían acoller presenza de arte rupestre e de restos arqueolóxicos. Por iso a campaña que vén de presentar Adega, co apoio de Cultura do País, Mariña Patrimonio e Patrimonio dos Ancares, que co HT #SalvemosCovasVale pide a protección “efectiva” deste espazo.

 

O obxectivo da campaña é, explican os seus promotores, dar a coñecer á sociedade “a ameaza que pende sobre estas cavidades, sobre os seus valores e contorna, ademais de procurar o apoio de todos os colectivos, entidades e particulares preocupados pola preservación do patrimonio cultural e natural de Galiza”.

 

En 2015, Adega realizou as primeiras exploracións dos terreos afectados polo proxecto mineiro, detectando até cinco bocas de entrada a varias covas. Paralelamente, encargou un informe sobre os valores naturais da zona, na que identificou a presenza de cando menos seis hábitats de interese comunitario, varias plantas calcícolas moi escasas no territorio galego e unha especie vulnerábel de morcegos.

 

En 2016 a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural encomenda a un equipo de arqueólogos da Universidade de Santiago a elaboración dun informe valorativo sobre o potencial interese xeolóxico, arqueolóxico, paleontolóxico e, mesmo, artístico que podían acoller estas covas que ían ser destruídas. O informe, “resultado dunha inspección de campo superficial e limitada ás covas detectadas por Adega”, conclúe que estas cavidades e a súa contorna teñen interese cultural e natural, polos seus valores xeolóxicos, pola biodiversidade asociada a este tipo de formacións xeolóxicas e por conter recheos sedimentarios, fundamentais para a reconstrución paleoambiental e coñecemento do Cuaternario galego.

 

O documento tamén advirte da posibilidade de que as covas conteñan restos de grande valor paleontolóxico e arqueolóxico do Plistoceno (de hai máis de 12.000 anos) e que fosen lugar de refuxio ou asentamento humano, incluso, podendo conter representacións artísticas rupestres. Certo é que existen testemuños da veciñanza de Vale que afirman ter visto hai máis de 50 anos pinturas e gravados no interior das covas.