ANÁLISE

A explotación máis vella do mundo

[Imaxe: Lourdes Muñoz Santamaría]

A xornalista María Xosé Porteiro, autora de publicacións que acollen ensaios sobre comunicación e feminismo, ofrece a súa visión a respeito da trata e tráfico de mulleres. Eis un extracto da análise publicada no número 339 do Sermos Galiza en papel.

Incluírmos no mercado laboral a prostitución mediante unha regulación lexislativa é incoherente coa defensa dos dereitos das persoas. Significaría consentir, favorecer e perpetuar que as mulleres traficadas sexan desafiuzadas da súa sexualidade, da súa cidadanía e da súa liberdade. Disque sempre existiu. E pódese responder que tamén o incesto, o roubo, o asasinato… pero non por iso se legalizan.

 

A trata e tráfico de mulleres vai desde situacións de pobreza e falla de oportunidades nos lugares de orixe, cara á primacía do poder do diñeiro nos de destino, onde todo se branquea ao seu paso por caixa. As mafias do proxenetismo teñen en España o país da UE onde a demanda é maior, vai en aumento e se dá cada vez desde idades máis temperás, tanto na “oferta” como na “demanda”. No Estado español, a prostitución foi legal até que se aboliu durante a Segunda República. A ditadura volveu regulala e en democracia está en situación de alegalidade, como exercicio libre e non penado, pero punible en zonas públicas. Os concellos teñen competencias para a regulación nas súas rúas mediante ordenanzas municipais. Non está contemplada no Código penal, mais considéranse delitos a prostitución de menores; a forzada en maiores; e o lucro porque outra persoa exerza a prostitución -mesmo cando for voluntariamente- se houbese explotación.

 

Ámbito de indefinición

 

Neste ámbito de indefinición, os argumentos a prol do abolicionismo que prevalecen na maior parte do movemento feminista son rexeitados porque deixaría sen medio de vida a quen hoxe xa están dentro, esquecendo que se trata dun negocio dirixido pola terceira mafia organizada máis poderosa do mundo: a industria do sexo, que busca integrarse na economía de mercado como unha alternativa laboral aceptable.

 

Pedir que se legalice a prostitución ten que ver con que a maioría das prostituídas son mulleres e, nunha inmensa maioría, vai da man do proxenetismo. Non é posible separar a prostitución da trata e o tráfico de mulleres para a súa explotación sexual. Confundir isto cun exercicio de libre elección sobre o propio corpo é unha falacia propia do neoliberalismo máis ultra, que reaparece, periodicamente, cun debate mal intencionado que beneficia os capos infiltrados nos poderes que manexan, toleran, comparten, participan -ou miran para outro lado-. Trátase de acentuar o desacordo que existe entre partidos que se proclaman feministas, tentando contaminar o feminismo no seu conxunto.

 

[Podes ler a análise íntegra no número 339 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]