Expertos indican que o Estado ten opcións para buscar os mariñeiros desaparecidos

Coches fúnebres que trasladarán os falecidos do 'Vila de Pitanxo'. (Paul Daly/Europa Press)
Non hai nada que impida ao Estado español poder buscar os mariñeiros desaparecidos no naufraxio do 'Vila de Pitanxo'. De feito, tal e como inciden voces como a do avogado experto en dereito marítimo Miquel Roca, o Estado ten varias opcións a través das que realizar a busca. Mais lamenta que non se execute ningunha.

Miquel Roca, avogado experto en dereito internacional e dereito do mar e membro da London Maritime Arbitrators Association responde cun "rotundamente si" á pregunta de Nós Diario de se o Estado español podería facer máis na busca dos mariñeiros desaparecidos do 'Vila de Pitanxo'. "Até agora encargouse da repatriación dos corpos e nada máis", lamenta.

En conversa con este diario, Roca debulla diferentes posibilidades que podería exercer o Estado español a respecto de operativos de busca, desde mandar medios propios á zona até chegar a un acordo con Canadá ou mesmo, engade, "un acordo con empresas privadas que se dedican a isto". Porén, critica, a día de hoxe non exerceu "ningunha" das posibilidades.

Torcuato Teixeira, avogado especialista en dereito pesqueiro e secretario xeral de Pescagalicia, lamenta que as operacións de busca e rastrexo dos desaparecidos se interrompesen apenas 36 horas despois do naufraxio. 

"Non só hai que seguir mentres hai esperanzas de atopar alguén con vida", manifesta a Nós Diario. "Tamén se debe seguir para tentar atopar os corpos, é algo que non se debe valorar simplemente en termos económicos".

"Un mínimo"

Teixeira considera que "o ideal" sería que a nivel internacional houbese un protocolo que regulase aspectos relacionados coa busca de desaparecidos no mar, "determinar un mínimo de días de busca, un mínimo de medios e actuacións...".

Para Roca, a non existencia dese tipo de protocolos a nivel internacional non pode ser "escusa" para non exercer algunha das diferentes opcións que o Estado español ten para organizar ou encargar a busca. "Non hai nada que lle prohiba nesas augas ao Estado español estar buscando os mariñeiros", reitera. "Non hai absolutamente ningún impedimento", acrecenta, "é inconcebíbel que non fixese nada aínda".

Este avogado pon como contraste fronte a este comportamento o doutro país de gran tradición mariñeira, Xapón, "onde aos desaparecidos no mar búscanos durante o tempo que faga falta, empregando todo tipo de medios". 

"Estamos todos no mesmo barco"

Alberto Blanco, patrón do 'Isla de Terranova 2', atende Nós Diario mentres ultima as tarefas de partida do barco cara a Terranova. Acumula 27 anos de experiencia naquel caladoiro —"son un veterano, eu vivín a guerra do fletán con Canadá"— e reitera que "o primeiro de todo é buscar esa xente", en referencia aos mariñeiros desaparecidos. "Pasoulles a eles e mañá pode pasarnos a nós, estamos todos no mesmo barco, e o mínimo é atopar os corpos para as familias", indica, se ben recoñece que "non é doado". "O que pasou é moi triste. O mar é así: o mar dá e o mar quita". 

Pesqueiros galegos e portugueses proseguen naquelas augas até esta quinta feira, "aproveitando a mellora do tempo", a procura de tripulantes desaparecidos.