Expertos culpan da caída da ponte da A-6 a unha suma de erros

Apuntan a "unha acumulación de fallos" como causa do sinistro na ponte da A-6. (Foto: Carlos Castro/Europa Press)
As interrogantes sobre as causas do sinistro no viaduto da A-6 entre Pedrafita do Cebreiro e a Veiga de Valcarce acumúlanse. Mentres o Goberno do Estado ofrece explicacións parciais e a empresa construtora garda silencio, as forzas da oposición demandan respostas e alternativas para recuperar a normalidade do tráfico nun punto chave da rede viaria galega.

A ponte caída da A-6 foi presentada no seu momento como un exemplo da solvencia das empresas madrileñas da obra civil e como unha mostra do carácter punteiro das mesmas. Tanto é así, que no ano 2002 recibiu o Premio Internacional Puente Alcántara, un prestixioso certame destinado a galardoar con carácter bieal a obra pública que reúna a xuízo do xurado unha “maior importancia cultural, tecnolóxica, estética, funcional e social, tendo en conta ao tempo a calidade técnica, a estética e a perfección alcanzada na execución do proxecto”.

A técnica edificadora empregada na ponte baseouse na utilización de dovelas prefabricadas. As dovelas son grandes pezas de formigón ocas no seu interior unidas, entre si, con cables de aceiro, incorporados dentro de grandes tubos de materiais plásticos. Na perspectiva de garantir á máxima protección a estes cables, o ar que fica dentro dos tubos énchese dunha mestura de cemento e auga ou de materiais que cumpran unha función semellante. Unha das empresas construtoras do viaduto, Fomento de Construcciones y Contratas (FCC) chegouna a cualificar como “unha das obras de enxeñaría máis significadas e espectaculares realizadas en Europa na última década”.

Os primeiros sinais de alarma sobre os problemas estruturais na ponte de Castro chegaron pola corrosión dos cables empregados na construción do viaduto. Malia que este tipo de obras están pensadas para unha vida útil de cen anos, o Ministerio de Infraestruturas veuse obrigado a encargar traballos de melloras cando a obra non chegara ás dúas décadas.

A este respecto, os técnicos consultados por Nós Diario sinalan que “non é normal que en viadutos tan novos e concretamente nos cables de aceiro prensados aparezan estes problemas porque adoitan ir moi protexidos e extrémanse as medidas de vixilancia para evitar a corrosión”.

Os expertos en obras civís consultados por Nós Diario coinciden en que “por un único fallo non se produce un sinistro desta magnitude, sendo o motivo máis normal unha acumulación de fallos”. Na mesma liña, entenden que “algún defecto hai” e apuntan como posíbeis causas do accidente o proxecto, os seus modificados, a construción e os materiais empregados nesta”.

Asemade, entenden que o Executivo do Estado “sabe moito máis do que di porque de feito detectou os problemas, fechou parte da vía e encargou traballos de reparación, algúns deles con carácter urxente e mesmo, practicamente duplicando o investimento inicial”.

As queixas pola falla de transparencia da Administración do Estado son partilladas por sectores moi diferentes. A este respecto desde o Goberno galego téñense solicitando explicacións, reclamando o BNG no Congreso a comparecencia da ministra de Infraestruturas, Raquel Sánchez.