Expertos cuestionan a actuación do Estado no sinistro de Angrois

Ana Miranda, Joseph Doppelbauer, Tilly Metz e Kristian Schmidt. (Foto: Nós Diario)
Os expertos cuestionan a actuación do Estado no sinistro de Angrois

O director executivo da Axencia Ferroviaria Europea (ERA polas súas siglas en inglés), Josef Doppelbauer, advertiu esta quinta feira que "non basta con demostrar que un conta cun sistema de xestión de seguridade", senón que "tamén é necesario aplicalo".

Destacouno na súa intervención na xornada que organizou esta quinta en Bruxelas o BNG con motivo do décimo aniversario do accidente do tren Alvia e co obxectivo de analizar se despois deste tempo houbo "avances" en seguridade ferroviaria.

Pola súa parte, o director de Transporte Terrestre, Kristian Schmidt, como representante da Comisión Europea, lembrou que o procedemento de infracción aberto a España por incumprimento da lexislación en materia de seguridade ferroviaria "segue aberto e fecharase só" cando se dean "os pasos necesarios" para que se cumpra.

Queremos saber que di o plan de acción do Estado español e se dá resposta ás demandas das vítimas”, salientou a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, a respecto das explicacións detalladas polos representantes das institucións europeas participantes no evento, que aseguraron que “pedimos ás autoridades españolas que de forma trimestral nos informen” e “no noso diálogo coas autoridades españolas van as cousas como están previstas na lexislación europea”.

“Non somos delincuentes”

No acto tamén interviron representantes das vítimas do sinistro en Angrois, que remarcaron que "a mellor homenaxe é que se faga unha investigación independente que non se fixo". A eurodeputada Ana Miranda mostrou a súa "indignación" polo trato ás vítimas.

“É surrealista que persoas coma nós, que non somos delincuentes, sexamos tratados como tal”, denunciou na súa intervención Esperanza Fernández. Ao respecto Ana Miranda expresou a súa indignación “por como foron tratadas as vítimas ao longo destes anos tanto polos cargos do PP como do PSOE e porque non haxa responsabilidades políticas”.

Este trato, segundo as propias vítimas, contrasta coa sensibilidade e afecto recibidos nas institucións europeas, hoxe materializados nas palabras de Schmidt e Doppelbauer, quen aseguraron que a conferencia é un xeito de honrar a súa memoria.