Xornadas de AGEe

Expertos coinciden en reclamar unha nova política contra os incendios que supere o actual modelo forestal

Santos, Campos, Lidia, Kostas e Barbara

Representantes de diferentes países analizaron en Ourense a realidade dos incendios, así como as posíbeis medidas e actuacións para acabar cunha lacra que, neste ano, arrasou en Galiza máis de 17.600 hectáreas.

Expertos forestais de diferentes países e traballadores contra incendios reuníronse en Ourense da man dunhas xornadas organizads por Alternativa Galega de Esquerdas en Europa (AGEe) e Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) para debater sobre os lumes, as súas causas, implicacións e consecuencias. Asistiron ao encontro, para alén da europdeputada de AGEe Lidia Senra, a brasileira membro do MST Bárbara Loureiro Borges, o grego de Alianza Popular Kostas Siampanopoulos, o portugués membro Alfredo Campos, e o traballador forestal da Consellería de Medio Rural da Xunta Xosé Santos Otero. Houbo coincidencia na  necesidade de que haxa unha implicación e compromiso desde os poderes públicos para unha política consensuada de país, que mude o actual modelo forestal , que se centre na prevención e extinción de incendios e que combata a desertización do rural

Para Lídia Senra é necesario abordar un debate sobre cales son as causas reais que hai detrás do lume. “Hai anos falábase do por que, de quen se beneficiaba dos incendios forestais, e falábase de especulación urbanística, do prezo da madeira, etc.,. Agora, eu teño a impresión de que toda explicación se reduce a que hai un problema de piromanía xeralizada e iso non é certo. Ou poñemos sobre a mesa as causas reais ou non lograremos nunca acabar coa lacra dos incendios forestais”, advertiu.

“Se isto pasa en Francia, o goberno francés demitiría”

Xosé Santos Otero referiuse aos bosques como lugares beneficiosos para o conxunto da humanidade e alertou sobre a cifra de 17.676 hectáreas de monte que ardeu este 2016 segundo datos da propia Xunta de Galiza, 3.300 delas no Xurés, é dicir, máis do que ardeu en todo o 2014 e o 2015. “Se en Francia tiveran ardido este número de hectáreas, o goberno xa tería dimitido”, afirmou o traballador forestal. Avogou porque outra política forestal é indispensable.

A brasileira Bárbara Loureiro e o grego Kostas Siampanopoulos falaron dos seus respectivos países. Loureiro denunciou que “eliminan o bosque para permitir os cultivos de azucre, café, soia, todo para exportación, en grandes extensións”. Siampanopoulos denunciou que non se invisten cartos para prevención nin para o equipo humano e material contra incendios e, “se non hai prevención nin ordenación forestal, o control dos lumes é moi difícil”. Cuns recortes que chegan ao 80% no servizo, Kostas Siampanopoulos explicou que “estamos nunha situación no país grego na que non podemos nin tan sequera falar diso, a situación é tan deprimente que os bosques non importan”.

O portugués Alfredo Campos, de por parte,  lembrou que en Portugal ardeu este ano o 54% do total de superficie afectada polas lapas en toda Europa. “Portugal non somos unha colonia de psicópatas que se xuntan para plantar lume. Hai que buscar aos responsables das nefastas políticas forestais que favorecen os intereses da industria do lume”, afirmou.

Tomar medidas

Nunha posterior mesa redonda de debate Diego Sánchez Agra, coordinador da área de montes do Sindicato Labrego Galego (SLG), avogou por medidas que favorezan a diversificación de plantacións e por unha ordenación do territorio para evitar o abandono do medio rural. Davide Rodríguez Estévez, deputado de En Marea no Parlamento Galego e ex alcalde de Manzaneda. Rodríguez denunciou que “a Lei de Montes foi feita por Ence e pola Finsa, sen contar cos comuneiros nin coa xente que habita as zonas rurais”. “O lume é un negocio e arde por culpa das políticas de privatización. Se houbera un sistema 100% público se lle daría resposta a moitos problemas dos incendios”.

David Fernández Calviño, enxeñeiro de Montes e doutor pola Universidade de Vigo, nesa mesma mesa da tarde, dixo que a Administración pública debe velar porque todas as actividades que se desenvolvan no monte deben ser sustentables.