Unha experta galega abre a porta ás vacinas contra o cancro

Unha persoa sendo vacinada. (Foto: Federico Gambarini / dpa)
Xa hai 15 medicamentos con ARN mensaxeiro, e 30 máis en distintas fases de ensaios clínicos. A doutora María de la Fuente explica como se pode utilizar a tecnoloxía das vacinas contra a Covid-19 de Moderna e Pfizer para desenvolver vacinas contra o cancro.

María de la Fuente Freire, doutora da Unidade de Nano-Oncoloxía do Instituto de Investigación Sanitaria de Compostela, sinalou esta sexta feira que xa se está a traballar no desenvolvemento de vacinas contra o cancro baseadas na tecnoloxía do ARN mensaxeiro, como as postas no mercado por Pfizer e Moderna para loitar contra a pandemia derivada da Covid-19.

A revelación deuse nunha conferencia sobre O futuro sen límite das aplicacións de ARN. Vacinas e tratamento de doenzas, que levou a cabo a Sociedade Española de Bioquímica e Bioloxía Molecular.

Malia que as vacinas contra o cancro se levan explorando desde a década de 1990, De la Fuente salienta que “existe unha aplicación moi interesante de ARN empregando técnicas de secuenciación masiva para avanzar cara a medicina personalizada”.

“Estamos a vivir unha revolución tremenda”, destacou. Asemade, tamén incidiu na importancia do desenvolvemento tecnolóxico “que nos permite estudar a evolución dos tumores en tempo real e intentar entender que fai diferente a uns dos outros”, explicando que os tumores “poden cambiar o seu xenotipo segundo os tratamentos que apliquemos e tamén por outros factores”, polo que o seu estudo en tempo real é imprescindíbel para avaliar a evolución dos tratamentos.

A doutora recalcou a importancia de apoiar a ciencia básica para que esta clase de investigacións sen aplicación inmediata poidan chegar até o final, “se avaliamos as e os investigadores cada dous anos, non poden permitirse o luxo de levar a cabo traballos arriscados de ciencia básica”, advertiu.

Ademais das vacinas contra a Covid-19 de Pfizer e Moderna, hai 15 medicamentos aprobados polas axencias do medicamento europea e estadounidense, mentres que outros 30 se atopan en distintas fases de ensaios clínicos, apuntou no acto Lourdes Ruiz Desviat, directora do Centro de Bioloxía Molecular Severo Ochoa (Madrid).

A tecnoloxía de ARN mensaxeiro

Nesta técnica introdúcese a síntese dunha proteína dentro dunha molécula terapeútica e, ao entrar no corpo, algunhas das células interpretan as instrucións do ARN mensaxeiro e comezan a producir a proteína.