Expert@s de 56 países redactarán en Vigo o quinto informe da ONU sobre mudanza climática

O último dos documentos, elaborado en 2007, destapou evidencias de que o quecemento global vai en aumento e sinalou a actividade humana como causa probábel. Dunha xuntanza como a que se realizará na cidade olívica saíu tamén o texto coa información científica que inspirou Quioto, así como a necesidade doutro protocolo que ratificasen os responsábeis da meirande parte das emisións

Até 281 expert@s procedentes de 56 países redactarán en Vigo o informe de avaliación do grupo intergobernamental sobre cambio climático --IPCC-- das Nacións Unidas.

A xuntanza realizarase entre os días 5 e 9 de novembro e xirará ao redor da procura de alternativas para mitigar as emisións de gases de efecto invernadoiro, segundo informa o centro investigador Economics for energy, que co-coordinará o cumio xunto á Universidade de Vigo.

O IPCC é o principal organismo mundial de valoración do cambio climático e a súa tarefa central é a elaboración, cada seis ou sete anos, dun informe de avaliación con base das investigacións científicas, técnicas e socioeconómicas desenvolvidas por especialistasd de todo o mundo.

Desde a creación deste colectivo, en 1988, até a actualidade, redactáronse catro documentos: o primeiro --1990-- xogou un papel decisivo á hora de constituír o convenio marco da ONU sobre cambio climático; o segundo --1995-- proporcionou información científica para a adopción do protocolo de Quioto; o terceiro --2001-- insistiu na necesidade dun novo protocolo apoiado polos países con maior número de emisións e que non ratificaron Quioto; e o cuarto --2007-- destapou evidencias de que o quecemento global vai en aumento e sinalou como causa probábel a actividade humana.