Experimento nunha aula da Uvigo: A distancia interpersoal debe ser maior de 1,5 metros

Fluxos de aerosois (Imaxe: Duvi)
No seu traballo de fin de grao, o estudante da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo da Universidade de Vigo Moisés del Puerto, baixo a dirección dos profesores do centro Elena Martín Ortega e Iván Area, analizou a propagación destes aerosois na sala de exames do edifico do Campus Auga. Eis os resultados.

“A distancia interpersoal debería ter sido maior dos 1,5 metros empregados como medida de prevención durante a pandemia”. Esta é a conclusión do traballo de Del Puerto, cuxo obxectivo era comprender a propagación de aerosois nunha aula, en particular nunha de exames, e axudar a previr a propagación do virus da Covid-19 nas pingas de saliva.

O seu estudo centrouse no modelado do transporte de aerosois na sala elixida, empregada pola Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, baixo diferentes condicións de ventilación de HVAC, iniciais que corresponden con H (heating-calefacción), V (ventilating-ventilación) e AC (air conditioned-aire acondicionado), explica a Universidade de Vigo.

“O modelo numérico implementado resolve a inxección de partículas de aerosois expulsadas por unha persoa que esbirra, analiza os peores lugares ventilados da habitación e propón contramedidas para minimizar os riscos”, expón o egresado, que realizou distintos experimentos con persoas reais que serviron para afinar o modelo e corroborar a validez das hipóteses propostas.

"As partículas pequenas con diámetro menor que 10 μm poden permanecer no aire durante longos períodos de tempo"

Sobre os resultados acadados, Moisés del Puerto sinala que “os descubrimentos máis relevantes son que as partículas pequenas con diámetro menor que 10 μm poden permanecer no aire durante longos períodos de tempo e que case poden ser aproximadas polas liñas de fluxo”.

Engade que “as gotas maiores con diámetro igual ou maior que 40 μm tenden a caer antes pero vense moi afectadas pola velocidade do fluído, no noso caso facéndoas viaxar máis de dous metros”.

Debido ao anterior, defende que debería aumentarse a distancia interpersoal para evitar o contacto con estas pingas máis grandes. “O caso presenta poucas partículas e unha turbulencia relativamente baixa. É seguro supoñer que é unha das razóns polas que non se consegue unha alta proporción de mestura”, di.

“Convén continuar nesta liña de estudo para, por exemplo, ter en conta a maior transmisibilidade das novas variantes”

Á vista dos resultados obtidos e das aplicacións prácticas do traballo desenvolvido, tanto o autor como os codirectores do traballo, Elena Martín e Iván Area, concordan en que “convén continuar nesta liña de estudo para, por exemplo, ter en conta a maior transmisibilidade das novas variantes”.

Trátase, aseguran, “dun problema moito máis complexo do que poida parecer” e que require dun coste computacional moi elevado.

Os resultados deste estudo chegan cando deron comezo as aulas nas etapas de Educación Infantil, Primaria e Especial e mais as de Secundaria, para as cales a distancia entre o alumnado pode reducirse de 1,5 metros e a 1,2 metros.