O expediente á médica negacionista galega Natalia Prego chega a Madrid

Natalia Prego, nun vídeo de Youtube.

O Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra remitiu o expediente aberto á doutora Natalia Prego Cancelo "polas súas declaracións presuntamente negacionistas sobre a Covid-19" realizadas o pasado ano 2020, co fin de que o estude a Comisión Central de Deontoloxía Médica de España. A médica forma parte da asociación negacionista Médicos pola Verdade, á que se referiu o xefe de Alergoloxía do CHUO.

A través dun comunicado de prensa, a entidade colexial explica que a Comisión Deontolóxica do colexio de Pontevedra "tomou a decisión de remitir ao Consello Xeral de Colexios Oficiais de Médicos (CXCOM) o expediente aberto á doutora Natalia Prego Cancelo polas súas declaracións presuntamente negacionistas sobre a Covid-19 realizadas o pasado ano 2020, co fin de que o estude a Comisión Central de Deontoloxía Médica de España".

Despois da reunión da Comisión Deontolóxica, o seu presidente, Diego Murillo Solís, comunicou á Xunta Directiva do colexio que esta decisión "se debe ao alcance e á repercusión que en diferentes medios de comunicación e redes sociais tiveron as declaracións" desta colexiada.

Nas súas declaracións, considerou a Comisión, a doutora Prego, "pon en dúbida as distintas medidas das autoridades sanitarias para afrontar a situación de alerta sanitaria" que se vive por mor da Covid-19, en relación a uso de máscaras, confinamentos domiciliarios e outras.

"De entrada, e á espera das decisións do CXCOM, non estamos de acordo coas declaracións da doutora Natalia Prego e é por este motivo polo que damos a coñecer a posición do Colexio e informar así os compañeiros e á poboación en xeral da gravidade do asunto", conclúe a entidade.

Relación co caso do xefe de Alergoloxía do CHUO

Natalia Prego pertence á asociación negacionista Médicos pola Verdade. No marco dunha das actividades do colectivo, a médica participou nunha conferencia en Lugo no mes de agosto na que se instaba a non empregar máscaras nin a vacinarse, así como a non confinarse.

A entidade que organizou a xornada é a mesma que a recomendada polo xefe de Alergoloxía de Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), Carlos Gonzalez de la Cuesta, quen nun vídeo cualificou de "experimento xenético" a vacina contra a Covid.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, confirmou o pasado 10 de febreiro que o seu departamento analiza se corresponde abrir un "expediente informativo" a De la Cuesta. Nun primeiro momento, a Xunta afirmara que as declaracións do xefe de Alergoloxía entraban na "liberdade de expresión".

Un argumento contrario ao empregado polo propio García Comesaña cando era xerente da área sanitaria de Vigo e decidiu destituír a daquela xefa de servizo da área de Medicina Plástica do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, Eva Maquieira por criticar a desprotección do persoal sanitario no mes de marzo en relación ao uso de máscaras.