"O expediente contra Carlos é unha represalia, por suposto"

venres negros 27 xullo 2018

Desde o comité de greve solidarízanse co locutor expedientado pola dirección da CRTVG e critican a “persecución selectiva” contra determinados profesionais da casa.

A dirección da CRTVG abriu expediente disciplinario ao humorista, guionista e locutor Carlos Jiménez por unha falta moi grave; unha medida que podería desembocar incluso no despedimento deste profesional. Segundo explica para Sermos Galiza Raquel Lema, unha representante do comité de greve da CRTVG, o expediente incoado ten a súa orixe cando “un alto directivo detectou unha locución de Carlos no programa que unha produtora externa fixo para a TVG”.  Para a dirección iso supón, di Lema, “competencia desleal” e incumprimento da normativa de incompatibilidades dos traballadores e traballadoras da compañía pública.

Porén, para os representantes dos traballadores e o comité non existiría tal incompatibilidade: “El [por Carlos Jiménez] ten concedida a compatibilidade”, asegura Lema, polo que non estaría vulnerando ningunha normativa nin disposición. Aliás, engade, este locutor leva dez anos traballando para produtoras que fan produtos para emitir na TVG “e nunca houbo ningún problema nin reproche” malia que a compañía pública revisa todos eses programas antes de emitilos “e aí estaba a voz de Carlos”.

Entón, cal consideran que é o motivo do expediente? “Unha represalia, por suposto”, manifesta con rotundidade Raquel Lema. Este locutor é un dos profesionais da casa “máis activos” nos ‘Venres Negros’, movemento de protesta contra a manipulación e censura nos medios públicos galegos. A maiores desta circunstancia, Jiménez ten abertos varios procesos contra a TVG por cuestións laborais.

“Primeiro Tati Moyano e agora el, hai como unha persecución selectiva, unha represalia selectiva”, considera esta sindicalista da CUT e integrante do comité de greve. Neste sentido, lembra que unha das reivindicacións da greve que para a semana inicia o persoal da televisión e radio galegas é “a fin das políticas de represalia”.

Servizos mínimos para a greve

Esta quinta feira tivo lugar a primeira xuntanza entre representantes da dirección da CRTVG e do comité de greve para abordar os servizos mínimos de cara ao paro convocado. O encontro que finalizou sen acordo. No transcurso desa reunión pediuse á dirección o arquivamento do expediente disciplinario que ten aberto a Carlos Jiménez.