Expertos ante a expansión da Covid: "A alta positividade alerta da transmisión pero tamén da caída da taxa de detección"

O número de PCR diarias realizadas volveuse situar en cotas máximas tras a o Nadal.
A evolución da pandemia de coronavirus na Galiza segue bater todas as marcas rexistradas polo Servizo Galego de Saúde desde o mes de marzo. Os rexistros da terceira vaga deixan cifras récord que levan aos expertos a exixir a máxima prevención. Ao ritmo actual as proxeccións son pouco optimistas, mais as restricións poden frear esa tendencia.

Por terceira vez esta semana, a Consellaría de Sanidade volveu informar da detección de máis dun millar de novos casos de coronavirus en 24 horas. Un aumento dos contaxios que se reflicte en todas as áreas sanitarias e que contribúe a un incremento da incidencia acumulada, en alza desde a finalización das festas de Nadal.

"Agora mesmo todas as áreas sanitarias amosan un aceleración da pandemia moi rápido. Soben ao unísono, e todo apunta que todas van superar as peores cifras da segunda vaga de contaxios" explica a Nós Diario Daniel González Peña, profesor da Escola Superior de Enxeñaría Informática da Universidade de Vigo no campus de Ourense e autor do 'Semáforo Covid Galiza' que cada día actualiza a evolución da pandemia a partir dos datos facilitados polo Servizo galego de saúde.

"Algunhas xa o fixeron", recalca. "Se reparamos na incidencia acumulada a 14 días, por exemplo, vemos que A Coruña e Santiago xa sobrepasaron a súa propia marca", con 440 e 443 casos por 100.000 habitantes respectivamente, "mentres a área sanitaria de Ourense se sitúa no máximo alcanzado no outono".

Ourense é a primeira das principais cidades galegas en superar unha razón de taxas de dous.

As proxeccións a curto e medio prazo son pouco alentadoras, advirte, "pero como dependemos das medidas que se tomen e do comportamento de cadaquén, poden variar, por iso non me gusta facer moitas estimacións", di González Peña. Con todo, asegura que son útiles para remarcar a velocidade de transmisión do virus e as complicacións asociadas a esa progresión. 

"Con esta celeridade, dentro dunha semana a cidade de Ourense duplicaría a súa incidencia porque ten unha razón de taxas de dous", salienta. De feito, é a primeira das principais cidades galegas en bater esa marca, o que significa que cada persoa con coronavirus contaxia dúas máis. 

Transmisión comunitaria

A evolución da taxa de positividade tamén dá conta da alta transmisión comunitaria en todo o territorio. Tras o Nadal, o Sergas retomou o volume de PCR diarias realizadas. Por segundo día consecutivo vén de sobrepasar mais a porcentaxe de resultados positivos mantense en valores elevados. "Esta positividade tan alta é característica da terceira vaga e vese non só na Galiza, senón tamén no resto do Estado. É certo que depende do uso que se faga das probas de diagnose, pero malia todo, demostra a forte incidencia da pandemia nestes momentos. Mesmo é posíbel que esteamos baixando a taxa de detección, é dicir que se nos estean escapando casos", incide Daniel González Peña.

A aceleración da pandemia, que se fai notar primeiro na incidencia, acaba chegando ás hospitalizacións, ás UCI e ao cómputo de falecidos. "Van máis tarde, pero á mesmo velocidade."

O efecto da vacina

"A segunda vaga da pandemia foi un calco da primeira. Case a metade das mortes que se rexistraron procedían de residencias de maiores. Ao cabo de 20 días será interesante ver o comportamento da terceira onda, agora que se iniciou a campaña de vacinación nestes centros", para   comezar a analizar o impacto da inmunización, di González Peña.

Mentres tanto, chama á prevención e ao cumprimento das medidas decretadas polas autoridades, cuxo efecto pode empezar a notarse dentro dunha semana. "Desde que te contaxias até que saes nas estatísticas pasan entre seis e once días, que é o tempo que debemos agardar agora para ver os primeiros resultados das restricións".

Nova corentena

Para Carlos Pereira, profesor de Viroloxía e Epidemioloxía da Universidade de Santiago de Compostela, as medidas adoptadas non abondan. "O que hai que facer é promover unha corentena como a que se fixo no seu momento. Os límites acordados non nos acordes coa situación que estamos pasando. Son medidas que se han de aplicar cando a curva estea máis controlada". Neste sentido, defende un confinamento estrito "o tempo que faga falta para aplanar a curva o máis posíbel" para pasar despois a un sistema de confinamento perimetral  que reduza a mobilidade e manteña a curva baixa. De non ser así, entraremos nunha "dinámica sen fin" e sen un control efectivo do virus.

Portadores do virus

O avance da Covid na Galiza é consecuencia directa do Nadal, do incremento da mobilidade e das reunións familiares, afirma Carlos Pereira. "Non hai evidencias que vinculen este ascenso á presenza de novas variantes do virus máis transmisíbeis". Están detectadas pero aínda é cedo para saber en que proporción e con que impacto. Neste escenario de alta transmisión comunitaria, e sen medidas drásticas sobre a mesa, o experto en Viroloxía da USC tamén pon o foco na vacinación.

Non se debe vacinar cando a curva está tan alta. É un risco cando hai tantos portadores.

"Por experiencia en epidemias de animais, non se debe vacinar cando a curva está tan alta. É un risco cando hai tantos portadores. Ademais, ten que contar cunha loxística máis eficiente para ser máis rápida. E en todo caso, non é a panacea. Poden pasar anos até dar a pandemia controlada só contando coa vacinación".