Exoesqueletos para coidar a quen nos coida: a UDC lidera un proxecto europeo para reducir lesións no sector sanitario
O Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais da Universidade da Coruña (UDC) desenvolverá exoesqueletos para diminuír as lesións músculo-esqueléticas entre persoal sanitario e coidador. A iniciativa forma parte dun proxecto europeo que mobiliza entidades da Galiza e do norte de Portugal e que busca mellorar as condicións laborais no ámbito dos coidados.
A Universidade da Coruña participa nun novo proxecto europeo centrado na saúde laboral no sector dos coidados. O Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais, a través do Laboratorio de Enxeñaría Mecánica, será o encargado de deseñar e construír os exoesqueletos do programa internacional EXOCARE_GNP.
A iniciativa está financiada polo programa Interreg con fondos Feder e xorde da Escola Universitaria de Relacións Laborais da Coruña (Erlac). O proxecto aborda o elevado e crecente número de lesións músculo-esqueléticas que sofre o persoal sanitario e as persoas coidadoras ao mobilizar pacientes en hospitais, residencias, centros de día e domicilios. O orzamento supera os 1,3 millóns de euros e o desenvolvemento prolongarase até o ano 2028.
O consorcio conta con entidades da Galiza e do norte de Portugal. Entre elas a Fundación Escola Universitaria de Relacións Laborais da Coruña, a Universidade da Coruña, a Unidade Local de Saúde do Alto Ave (Portugal) e a Universidade do Minho, xunto a entidades como a Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), o Servizo Galego de Saúde (Sergas) e a Consellería de Política Social e Igualdaden, ademais da Santa Casa da Misericórdia de Riba de Ave e o Digital Transformation CoLAB (DTx CoLAB), en Portugal, e o Clúster Saúde da Galiza (CSG), todos eles "organismos comprometidos coa mellora das condicións laborais de quen coida a persoas dependentes".
Oito prototipos para probas reais
O equipo de biomecánica do Laboratorio de Enxeñaría Mecánica, integrado por Javier Cuadrado, Florian Michaud, Urbano Lugrís e Lucas Porzio, asumirá unha das tarefas centrais do proxecto. Encargarase de deseñar e fabricar oito prototipos de exoesqueletos para a súa avaliación en contornas asistenciais.
As probas destes prototipos realizaranse no último trimestre de 2026 en colaboración co Sergas e coa Unidade Local de Saúde do Alto Ave, en Portugal e baixo a coordinación do consorcio liderado pola Erlac. Tras esta fase, o equipo analizará os resultados e introducirá melloras antes da versión final, prevista para 2028.
Un dispositivo lixeiro para o uso diario
O exoesqueleto será pasivo, sen motores, e estará fabricado con materiais lixeiros e flexíbeis. O seu obxectivo é redistribuír as cargas que asume o persoal sanitario e evitar posturas forzadas. Así, preténdese que o exoesqueleto redistribúa as cargas e limite a presión sobre as vértebras lumbares, reducindo o risco de lesións. Estas constitúen na actualidade a principal causa de baixa laboral no sector dos coidados.
A proposta baséase na experiencia do laboratorio en biomecánica do movemento humano. O equipo desenvolveu anteriormente un exoesqueleto activo para persoas con lesión medular, unha experiencia de "alta complexidade tecnolóxica", moi diferente da solución que se persegue agora, máis lixeira e accesíbel, orientada ao ámbito sociosanitario.
Reducir lesións, mellorar as condicións de traballo e dignificar o labor das persoas coidadoras son os principais obxectivos dun proxecto que comezará a probarse en hospitais e residencias da Galiza e de Portugal nos próximos anos.