O ex-número 3 do PP de Galiza, condenado a 13 anos de cárcere pola trama Gürtel de Valencia

Tamén se condena Francisco Correa, 13 anos, Álvaro Pérez, ‘El Bigotes’, 12 anos, e unha ex conselleira do PP en Valencia, a 9 anos.

O lalinense Pablo Crespo chegou a ser case todopoderoso no PP de Galicia desde o seu posto como número 3 do partido, o secretario de Organización. Agora vén de ser condenado a 13 anos de cárcere pola trama valenciana da Gürtel. Non é o único que irá a prisión por este caso: Francisco Correa é condenado tamén a 13 anos, Àlvaro Pérez ‘El Bigotes’, a 12 e Milagrosa Martínez (ex-conselleiro valenciana do PP e ex-presidenta das Corts) a 9 anos.

O Tribunal superior de Xustiza do país Valenciá condenounos por irregularidades en contratacións na feira Fitur entre os anos 2005 e 2009. Foron xulgadas 13 persoas nesta peza da Gürtel, a primeira que se xulga. Hai seis pezas na Gürtel e esta é a única que non se xulga en Madrid.

Conexión galega?

Crespo ocupou a secretaría de Organización do Partido Popular de Galiza no período 1996-1999 e, segundo as pesquisas xudiciais foi peza basilar da trama corrupta levantada por Francisco Correa. A trama beneficiábase de contratos irregulares (en ocasións por obras ou servizos que non se chegaban a prestar) das institucións públicas gobernadas polo PP.

Empresas vinculadas á trama como Special Events ou Pasadena Viajes tamén contrataron directamente co Partido Popular de Galiza xa durante a etapa de xestión de Feijóo como o seu presidente. Special Events non só se ocupou a finais dos 90 da organización da loxística -montaxe e decoración de escenarios- de actos eleitorais do PP, senón que facturou aínda coa Xunta campañas como a que Manuel Fraga encarregou para promocionar o bon nome da carne galega após a coñecida como crise das vacas tolas.

Cando o actual presidente da Xunta aterra na Consellaría de Política Territorial en xaneiro de 2003 Pablo Crespo é membro do consello de administración de Portos de Galiza, órgano ao que chega por nomeamento publicado no DOG en 1996. Feijóo mantivo en todo momento Crespo no seu cargo e o ex secretario de Organización do PPdeG non foi cesado até a chegada en 2005 do goberno de coligazón entre o PSdeG-PSOE e o BNG.