Exixen á Xunta que incremente os fondos para resarcir as vítimas de violencia de xénero

Imaxe de arquivo dunha manifestación contra a violencia de xénero. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)
A letrada Ana María Castro Martínez vén de acadar que se recoñeza que a súa defendida, unha menor de idade que sufriu distintos tipos de abuso por parte da que era a súa parella, ten dereito a percibir 50.000 euros como indemnización. Porén, o acusado -que foi condenado a 17 anos na cadea- é insolvente e a rapaza non poderá contar con eses cartos para refacer a súa vida, pois a Administración galega asume unha ínfima parte da contía e só en casos puntuais.

O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) rexeitou esta semana o recurso interposto por un acusado de delitos de maltrato contra a muller para que se rebaixase a pena de cárcere estipulada pola Audiencia da Coruña por cometer varios abusos de diversa índole sobre unha menor cando era a súa parella. A avogada a acusación particular, Ana María Castro Martínez, amósase satisfeita co fallo definitivo pois impón 17 anos de prisión para o home. No entanto, critica que a Administración galega careza dun fondo suficiente para facerse cargo da indemnización por danos morais á que ten dereito a vítima.

A letrada explica que a Xustiza decidiu conceder unha contía de 50.000 euros á rapaza, unha cantidade "das máis altas que se concederon a unha vítima na Galiza sen resultado de falecemento". Porén, eses cartos que poderían servir para saír do pobo e refacer a súa vida noutra cidade non chegarán.

"El non vai pagar nada porque é insolvente e procede dunha familia desestruturada", di Castro Martínez, que destaca ademais que como xa en 2017 (cando comezou a relación no transcurso da que se sucederon os delitos que se lle imputan) era maior de idade tería que responsabilizarse directamente.

Segundo conta, cada territorio ten unha partida de cartos para afrontar estas débedas pero no país fanse cargo "até 6.000 euros e iso é un prexuízo para unha vítima, que é revictimizada porque queda sen indemnización".

Aliás, os requisitos para acceder a esa axuda son bastante estritos. Ao ser menor, a moza depende da unidade familiar e, en función dos ingresos desta, pode ou non acceder ao diñeiro. "É inxusto; a Administración ten que suplir ao acusado porque non é problema da vítima que este non teña cartos", reflexiona.

Desde o seu punto de vista, neste caso no que a elevada cifra concedida pola Xustiza -e a pena de cárcere- demostran a gravidade dos feitos, o "dano moral" debe ser resarcido, "aínda máis no caso dunha menor, que debería estar máis protexida".

Castro Martínez, que insiste na necesidade de que a Xunta asuma o seu papel dunha maneira máis decidida, pensa que situacións como a que a ocupa estes días son a proba de que "o sistema non está pola defensa da muller: o intenta pero na realidade non, á hora da verdade queda sen resarcir e é a máis prexudicada". Malia todo, anima a compañeiras e compañeiros de profesión a solicitar sempre unha compensación polo "dano moral" porque non sempre quedan sen abonar as costas.

Ademais, a cifra que amose o fallo da unha idea da consideración do dano causado. Ela intentou ir polos 200.000 euros mentres que o Ministerio Fiscal, tamén da parte da moza, reclamou "6.000 euros".

Varios delitos

Deste caso en concreto, non quere aportar datos que axuden a estigmatizar á rapaza ou que poidan levar represalias. Iso si, a sentenza é en firme por delitos -tal e como recolle o documento- de "maltrato habitual, maltrato contra a muller, fustrigación, abuso sexual e contra a saúde pública". A defensora lembra que a menor foi vixiada "día e noite", mesmo con programas informáticos, recibiu ameazas e até foi incitada a tomar drogas.

Tanto foi o padecemento que, se ben a Xunta outorgara unha serie de sesións de atención psicolóxica no servizo de violencia de xénero, finalmente tivo que ampliar o tratamento.

Unha situación en aumento

O caso desta coruñesa non é único. A letrada, especializada en casos de violencia e, particularmente, en violencia a mulleres con discapacidade, recoñece que nos últimos anos está a crecer o maltrato exercido contra menores.

"É unha cousa tremenda que foi a máis coas redes sociais, os móbiles, as gravacións...", enumera. Leva varios casos e normalmente o home é maior de idade mentres que a vítima está por debaixo dos 18 anos.