A Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública carga contra a Xunta pola "falta de persoal"

Pediatras e Matronas Xa participou en novembro de 2021 na marcha de SOS Sanidade Pública en Santiago. (Foto: Nós Diario)
A Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública (Agdsp) exixe a posta en marcha das conclusións do Consello Técnico de Atención Primaria.

A Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública (Agdsp) exixe a posta en marcha das conclusións do Consello Técnico de Atención Primaria, un documento no cal quedan recollidas as solucións a "todos os problemas" que ten o servizo e que "o PP ten nun caixón desde novembro de 2020".

A asociación explicou que, ao non porse en marcha as melloras acordadas, conovcáronse mobilizacións en "moitas localidades" galegas porque "o Goberno da Xunta non garante unha sanidade pública de calidade" para nenos, novos e mulleres.

"Faltan profesionais"

Os problemas que resaltou a Agdsp son que "faltan profesionais" e por iso a algunhas crianzas téñenas que atender por médicos de familia ou puericultores, no canto de por pediatras, que os horarios de moitos centros son reducidos e a falta de cobertura de baixas, vacacións e permisos.

As consecuencias inmediatas deste "nefasto" modelo son que hai unha "desatención e abandono sanitario" o que causou que moitas familias se teñan que desprazar a outros centros fóra da súa localidade e a sobrecarga das consultas pediátricas e de matronas.

Así mesmo, engadiron que hai problemas de falta de revisións, seguimento de tratamentos e vacinación infantil, así como problemas de control de embarazos, pueriperios e outros "procesos fisiológicos das mulleres".

A asociación tamén alertou do incumprimento do Programa da Muller, para previr a discriminación de xénero, pola "inexistencia de programas de prevención e talleres de formación" tanto en materia de embarazos e posparto, como en educación sexual e reprodutiva.

Todo isto levaría a unha "perda do dereito a unha asistencia de calidade" para crianzas, adolescentes e mulleres, así como a saturación do servizo de urxencias dos hospitais e a privatización da atención primaria, xa que as familias contratan seguros privados.