Exixen que se suspenda o festival aéreo de Vigo e se reduza o gasto militar

O Espazo Aberto Antimilitar reclama a suspensión dun evento que considera "propagandístico" que custará 70.000 euros. O Concello porá 20.000 e os 50.000 restantes achegaráos a empresa Aqualia

O Espazo Aberto Antimilitar vén de se pronunciar máis unha vez en contra da realización do festival aéreo en todos os concellos do estado español que dan cabida a este espectáculo --Cádiz, Xixón, Barcelona e, na Galiza, Vigo--. O evento, que pasa polo desfile de unidades do exército do aire, a mariña, o corpo de paracaidistas, pilotos civís de acrobacias e unidades de salvamento, custará 70.000 euros, dos que o Concello de Vigo achegará 20.000 e os 50.000 restantes procederán dun convenio con Aqualia, empresa concesionaria do servizo municipal de augas.

Fronte ás declaracións do alcalde de Vigo, Abel Caballero (PSOE), quen considerou "un éxito" que o acto poida celebrarse "nun ano de crise" e após a desaparición de Novacaixagalicia --que en 2011 aportara os 50.000€ que non puxo o Concello--, desde o colectivo antimilitarista quéixanse do apoio brindado a espectáculos presentados "como atracción turística". Entenden que do que se trata é de "mellorar a imaxe pública" do exército e das actividades castrenses.

Quéixanse desde o Espazo Aberto Antimilitar de que o gasto en investigación militar e en mantemento do exército segue a ser "moi superior" a aquel montante destinado a educación, pensións e dereitos sociais. E lembran que os propios militares --Asociación Unificada de Gardas Civís-- pediron ao Ministerio de Defensa a eliminación de "gastos superfluos" como os vehículos oficiais, celebracións de tomas de mando ou o desfile do 12 de outubro polo seu elevado custo.