Exixen que o PP retire un 'taxazo' xudicial de "clara finalidade recadatoria"

O goberno español quitará adiante esta cuarta feira o proxecto de lei que regula as taxas xudiciais. Desde a Galiza, os colexios de avogad@s reméxense contra o que consideran "un atentado claro" contra o dereito á tutela xudicial efectiva. Acrecentan que a pretensión de atallar o colapso da Xustiza a golpe de impostos "é unha falacia". No Hórreo, o BNG chama a "pararlle os pés" a Gallardón

 

Até 500 euros por recorrer unha sentenza por un despedimento, 800 euros por apelar unha resolución dos xulgados do Civil ou do Contencioso, 200 euros se non se concorda cunha multa de Tráfico e máis de 300 euros se se presenta unha queixa após unha neglixencia médica.

Son as contías que contempla o proxecto de lei que o PP levará adiante para gravar o acceso á Xustiza e que afectarán a maior parte da poboación: familias cuxos ingresos superen o dobre do salario mínimo interprofesional, isto é, 1.282 euros. O Consello da avogacía galega leva semanas protestando. No Parlamento galego tamén hai quen se revolva. A voceira de Xustiza do BNG, Tereixa Paz, considera que a dereita está a provocar "unha diminución na tutela xudicial" e exixe que no Hórreo se rexeite a taxa, sumada á reforma da segunda instancia que prepara Gallardón.

Non paliará o colapso da Xustiza
"É un ataque directo á tutela xudicial efectiva para os cidadáns. Haberá unha xustiza para o que teña diñeiro e outra distinta para o que non teña". Taxativo, o decano do colexio de avogad@s de Ourense, Arturo González, anunciou que letradas e letrados continuarán a liderar as protestas de rexeitamento dunha lei que, en palabras do seu homólogo en Compostela, Evaristo Nogueira, posúe "unha finalidade recadatoria".

Até o de agora, as taxas xudiciais eran exixidas unicamente a empresas cunha facturación superior a 10 millóns ao ano e aplicábeis, unicamente, á xurisdición civil. A pretensión do PP é facelas extensíbeis a todas as persoas que superen uns ingresos de 1.200 euros ao mes, para alén de estendelas ás xurisdicións social e contencioso-administrativa. Non se contemplan tramos, polo que perante a mesma demanda pagarán igual unha cidadá que cobre 1.200€ ao mes que, por exemplo, o Banco Santander.

''Nin sequera se ten en conta o principio de capacidade económica''
Pola súa banda, o decano d@s avogad@s colexiad@s en Lugo, Félix Mondelo, considera as mobilizacións un "fito histórico" entre as e os profesionais do dereito e deu por esgotadas todas as vías de diálogo co ministerio de Xustiza, lamentando que o reponsábel deste departamento fixese "ouvidos xordos" ás súas reclamacións, mais tamén ás dos grupos parlamentares, ao non incluír "ningunha" das emendas totais ou parciais que se presentaron perante esta "inexplicábel" norma. Salienta Mondelo que as razóns esgrimidas por Gallardón na súa teimosía de estender o tributo a persoas particulares "son falacias" e "un atentado claro" ao dereito á tutela xudicial efectiva que "nin sequera" tivo en conta o principio de capacidade económica fixado na Lei 8/1989, de taxas e prezos públicos.

Sinala a avogacía que é a falta de medios e de alternativas --mediación ou arbitraxe-- o que provoca o colapso da xustiza. Porén, o PP propón atallalo a golpe de tributos e xeneralizando un re-pagamento que até o de agora debían afrontar unicamente as grandes empresas. Na liña do sinalado pol@s decan@s da profesión, Tereixa Paz salienta tamén que a saturación debe ser abordada "atacando as verdadeiras causas", e coloca como tal a ausencia de medios humanos e materiais. Acrecenta a nacionalista que cómpre tamén "pular por unha xustiza máis áxil e eficaz" fronte ao modelo presente, onde o exercicio dos dereitos depende da renda de quen litiga.