Exixen que Educación cubra as baixas no ensino

Delegados da CIG manifestándose onte diante da Consellaría. (Foto: Arxina)
A Consellaría borra baixas de menos de 10 días, denuncia a CIG, que reclama que se repoñan e que se actualice a situación dos centros de ensino diariamente, e non dúas veces á semana, como acontece actualmente.

Ducias de delegadas e delegados da Confederación Intersindical Galega (CIG) mobilizáronse onte ás portas da Consellaría de Cultura, Educación e Universidade para reclamar que cubran as baixas que se están a producir nos centros educativos.

A denuncia da central sindical chega despois de constatar que a Consellaría borra cada día unha media de 20 solicitudes de baixa elevadas polas escolas e institutos, negándose a repor calquera baixa que non supere os 10 días, polo que elimina todas as restantes.

Sostén a federación de Ensino da CIG que isto “é aínda máis grave se temos en conta que a Consellaría volve chamar só 2 días á semana” aos centros, polo que o proceso de asignación de baixas acaba adiándose até o seguinte día de avaliación, o que aproveitan desde a Xunta para borrar esas solicitudes.

As participantes na concentración exixiron á Administración “unha rectificación urxente nesta política de cobertura das baixas e que sigan realizando os chamamentos todos os días”, ao tempo que instan os centros a continuar subindo todas as vacantes que precisen, reiterando a solicitude após ser borradas por Educación.

Para o Goberno semella que “o ensino galego xa superou a Covid”, ou cando menos “iso é o que demostra”, destaca o sindicato, incidindo nas “numerosas queixas que lle chegan de persoal substituto”.

Asemade, esta situación leva a que na práctica “non se estean a cumprir as mínimas medidas anti-Covid que se mantiñan este ano”, como os grupos burbulla, que desaparecen cando o profesorado de garda ten que pasar por varias aulas.

Prioridades

“Aínda que todas as vacantes son necesarias”, insisten en que hai casos que deberían cubrirse no mesmo día, como as titorías de Infantil e Primaria, o profesorado de educación especial ou de atención a alumnado con NEAE.

Esta estratexia xera que este curso “sexa incluso máis caótico que o anterior e que o alumnado estea moito máis desprotexido”, cunhas consecuencias que se perciben día a día, denuncian, provocando “peores resultados académicos e maior inestabilidade emocional de alumnado e persoal docente”, por mor da supresión dos desdobres, inestabilidade dos claustros e non cobertura das substitucións.