MACHISMO

Exixen que o Concello de Betanzos cancele o concurso ''sexista'' de Raíña das Festas

Galiza Nova convida ao rexedor betanceiro (PSOE) a seguir os pasos do seu homólogo en Sarria (PP), e a destinar os 13.000 euros que o ano pasado custou o certame a finanzar os servizos públicos

O Concello de Betanzos tamén convoca un concurso para escoller unha raíña das festas. Despois de que o rexedor de Sarria, José Antonio García (PP) recuase ante as críticas das feministas Mulleres Nacionalistas Galegas por ser un certame ''sexista e anacrónico'', agora é Galiza Nova quen reclama ao alcalde betanceiro, Ramón García Vázquez (PSOE), que siga os pasos do seu homólogo e cancele un evento das mesmas características.

A escolla dunha 'raíña' non é unha novidade no programa dos festexos de Betanzos, nin nas reivindicacións das mocidades do BNG, pois xa no ano 2004, hai oito anos, revolucionaron a vila co obxectivo de conseguir que non se celebrase o concurso. Nos orzamentos das festas do 2011, os actos relacionados co certame de beleza recibiron 13.000 euros.

"É unha indecencia gastar cartos públicos nun acto que promove a desigualdade entre os xéneros e redunda nos valores que forman parte dos alicerces da sociedade tradicional que promovía a desigualdade entre mulleres e homes", sinala Galiza Nova. A organización política cuestionou que o Goberno local aprobase recentemente un Plan de Igualdade que fala de acabar cos estereotipos sexistas, mentres promove un certame de beleza.

"A raíña das festas é unha figura sexista na súa totalidade", sinalaron desde Galiza Nova, ao tempo que instaron ao Goberno do PSOE a dar mostra "dun pouco de coherencia" e que destine os 13.000 euros do certame aos servizos públicos.