CONCENTRACIóN PERANTE A SUB-DELEGACIóN DO GOBERNO

Exixen compromisos concretos e firmes para coa rexeneración da Ría do Burgo

A Plataforma para a Defensa da Ría do Burgo demanda a dotación de partidas económicas precisas -e a fixación de prazos- para o inicio do Plano de Rexeneración da Ría e a Recuperación dos bancos marisqueiros, así como o dragado e o saneamento integral da área.

Coincidindo coa aprobación no Consello de Ministros do Proxecto de Lei de Orzamentos Xerais do Estado para o vindeiro ano a Plataforma para a Defensa da Ría do Burgo concentrouse perante a Sub-delegación do goberno, onde volveron rexistrar escritos dirixidos ao presidente do Goberno español e ao presidente da Xunta coas súas principais demandas sobre a ría. Tamén presentaron escritos destinados aos alcaldes da comarca “demandando a implicación e apoio ao máximo nivel dos concellos para asumir as reivindicacións da Plataforma para a Defensa da Ría do Burgo”.

Uns escritos nos que a Plataforma lamenta non ter constancia “da consignación real das partidas orzamentarias necesarias dirixidas á rexeneración medioambiental e á recuperación dos bancos marisqueiros da zona”. Como consecuencia, o colectivo denuncia que “non hai avances na recuperación medioambiental da zona e  os episodios de contaminación das augas seguen sendo unha realidade, sen que a Xunta adopte máis medidas que a propaganda e grandes anuncios de actuacións que nunca se levan a cabo”.

A Plataforma, integrada por sinsicatos e diferentes colectivos e entidadedes, di que nun momento de crise económica como o actual, “atender as necesidades da Ría do Burgo implica non só unha inaprazábel necesidade medioambiental, senón tamén unha aposta pola economía produtiva, polo  potencial da ría como motor da reactivación económica da comarca e pola súa capacidade xeradora de emprego”.