Avanza a recollida de sinaturas para a ILP contra o "desmantelamento" da Primaria: "A acollida é impresionante"

Manifestación convocada por SOS Sanidade Pública en Compostela o pasado 14 de novembro. (Foto: Arxina)
SOS Sanidade Pública cualifica de "éxito" o progreso da campaña, que nos próximos días tomará un novo impulso.

A plataforma SOS Sanidade Pública vén de cualificar de "éxito" o inicio da recollida de sinaturas para a iniciativa lexislativa popular 'Salvar a Atención Primaria'.

O obxectivo desta campaña é levar a ILP ao Parlamento da Galiza para que debata e aprobe unha serie de medidas urxentes para abordar a situación que enfronta a Atención Primaria no país.

A pesar de que a campaña comezou no verán, explican desde o colectivo, "a resposta cidadá está a ser impresionante" nestes momentos, con colas para asinar nas numerosas mesas instaladas ás portas dos centros de saúde, prazas, feiras e outros lugares de diferentes localidades.

Nalgúns casos, detallan, contaron co apoio das plataformas locais para a defensa da sanidade pública, líderes sociais, políticos, sindicais, organizacións de pacientes e os propios concellos.

A campaña, que durará até novembro, reactivarase nos próximos días acompañada por novas concentracións, manifestacións, actos informativos e debates sociais.

No comunicado, a plataforma aproveita tamén para facer un chamamento ás organizacións profesionais que integran a Atención Primaria, colectivos cidadáns, organizacións de pacientes, federacións veciñais e calquera colectivo interesado en defender e fortalecer a Primaria, que está "en proceso de desmantelamento pola Xunta".

"É esencial continuar e incrementar a mobilización para facer chegar á Consellaría de Sanidade e ao Sergas a exixencia de recuperar as prazas recortadas, incorporar novas categorías profesionais nos equipos, reabrir centros e PAC, recuperar as consultas presenciais, acabar coas listas de espera e renovar as actividades con pacientes crónicos", subliñaron.

A ILP, rexistrada en xuño na Cámara, ten por obxectivo que as e os deputados debatan e propoñan "unha serie de medidas para garantir o acceso, da poboación á Atención Primaria, o fin das listas de espera, un nivel de persoal suficiente, garantir a equidade na atención, mellorar as condicionais laborais e a estabilidade do persoal, reabrir centros pechados, recuperar a autonomía de xestión da Primaria, dar participación real á poboación e desenvolver o modelo comunitario en colaboración con institucións e organizacións de cada localidade".