O éxito da investigación Covid, alleo ao próximo: "Fas ciencia pero non interesa"

As investigadoras Marga Poza, Sonia Villapol e José Martínez Costas.
A Covid fai dous anos na Galiza. Desde os primeiros casos de SARS-CoV-2 detectados o 4 de marzo de 2020, o Sergas notificou 503.010 contaxios e 3.118 persoas falecidas. A propagación do virus nutriu unha pandemia que contamos por vagas, seis, inzadas de restricións, feches e ordes de confinamento. Mais tamén de datos que a ciencia debullou en tempo real para facer fronte a unha emerxencia global.

Durante dous anos a pandemia da Covid puxo a proba a capacidade dos laboratorios e do persoal investigador para responder con inmediatez e transparencia ás urxencias da crise sanitaria provocada por un novo coronavirus. Axiña deron co patóxeno. Puxéronlle nome e secuenciaron o seu xenoma para seguir o seu rastro ao vivo. 

A ciencia respondeu. Talvez non coa rapidez desexada a cada paso nin de forma impecábel mais o balance é positivo. Sobre todo de portas para fóra. En ámbitos particulares da investigación científica, as sensacións son máis crúas.

Marga Poza, microbióloga, investigadora do Instituto de Investigacións Biomédicas da Coruña (Inibic) e coordinadora do proxecto CovidBens, recoñece en conversa con Nós Diario "un cambio a peor". "Fas ciencia pero non interesa. Eu non atopo apoio nin nos gobernantes nin nos xestores, que venden fume pero non fan unha aposta real pola ciencia, que pasa totalmente desapercibida".

Poza amósase "decepcionada" coa resposta da clase política ante os esforzos e as evidencias da ciencia. "Pesimista" de cara ao futuro. E "queimada", sobre todo, no ámbito da investigación sanitaria da Galiza. "É practicamente imposíbel continuar. Cada día pensamos  en deixar todo e dedicarnos a outra cousa. A ciencia nos hospitais da Galiza é un camiño de pedras".

A microbióloga é moi crítica co "control da información" sobre a pandemia que exercen "os nosos gobernantes". Marga Poza fai referencia a Covid-

Bens. "Creamos un sistema de vixilancia epidemiolóxica que nos prepara para o futuro, que nos permite estar atentos a novos virus e a outros microorganismos". Unha vixilancia en augas residuais recoñecida máis a nivel internacional. "Fomos pioneiros en poder estimar a frecuencia das variantes na poboación. Unha das nosas mellores contribucións foi facer públicos os datos. Sabemos que en certo ámbito non gusta, pero CovidBens no ten sentido se non é público", sentencia.

Efecto catalizador

Desde o Texas Medical Center de Houston, a neurocientífica e profesora Sonia Villapol concorda en que "os gobernantes poucas veces ofrecen un apoio considerábel e inmediato á investigación científica, aplicábel a longo prazo". Despois de dous anos "con tantos avances que contribuíron a un beneficio social, económico e de saúde", confía en que se produza un cambio no investimento en I+D+i. Mais di non ser "moi optimista".

Desde os EUA asegura que "a ciencia non cambiou". Conserva "excelencia, rigor e evidencias", mais precisa dun impulso económico real. "A ciencia mira cada vez máis como os tratamentos contra a Covid poden axudar a tratar outras enfermidades. Os avances na investigación das vacinas e na tecnoloxía aplicada supuxeron importantes logros que poderían beneficiar pacientes con cancro, doenzas infecciosas ou neurodexenerativas".

Para Villapol, esa foi a gran revolución, a das vacinas e a do aproveitamento da ciencia básica para novos tratamentos. "A pandemia converteuse no gran catalizador de investigacións que poden achegar luz a outras enfermidades", ademais de advertir das grandes deficiencias dos servizos de atención sanitaria , "que deixaron moita xente sen diagnósticos, cirurxías e tratamentos cuxas consecuencias aínda non podemos albiscar".

 O investigador do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQus) da USC, José Martínez Costas, destaca, tamén, a "coordinación de todos os axentes para sacar unha vacina efectiva en pouquísimo tempo". "Nós lideramos un proxecto de vacina cunha tecnoloxía propia. Non chegamos os primeiros, pero seguimos tentándoo. Se non é para esta pandemia, será para a seguinte. Teremos unha metodoloxía ben desenvolvida para outras vacinas que poidan resultar útiles no futuro". Neste sentido, pide reverter "o financiamento ridículo" que se dedica á investigación no país.