Exhuman os restos de Déborah Fernández 20 anos despois para esclarecer o caso

Familiares de Déborah Fernández, hoxe, á súa chegada ao cemiterio de Pereirópara a exhumación. (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press).
Trátase dun presunto crime de violencia machista acontecido en Vigo en 2002.

Case dúas décadas despois, o crime da viguesa Déborah Fernández-Cervera está a piques de se esclarecer. O corpo da vítima, de 22 anos de idade, fora atopado nunha cuneta no concello do Rosal o 10 de maio de 2002, unha semana despois da súa desaparición na praia de Samil (Vigo), onde fora vista por última vez.

Aparentemente non presentaba signos de violencia, e daquela chegouse a valorar a posíbel "morte súbita". Porén, co paso do tempo as forzas policiais concluíron que o cadáver estivera arrodeado de "pistas falsas".

A investigación desta morte arquivouse en 2010 sen sinalar o culpábel, mais o xulgado de instrución de Tui ordenou a finais de 2019 a súa reapertura. Desde entón foron chamadas a declarar varias testemuñas e autorizáronse diferentes probas periciais, unha delas a exhumación do corpo para que as persoas forenses analicen os restos na procura de posíbeis indicios que axuden a comprender se, como defende a familia, se tratou dun crime de violencia machista perpetrado pola súa ex parella.

"Temos un ano por diante, hai que seguir loitando, temos que aferrarnos á esperanza", expuxo nesta terza feira Ignacio Amoedo, avogado da familia, en alusión ao prazo de prescrición do caso, que finaliza en 2022.

Porén, puntualizou que continuarán a loita "máis aló" do citado prazo, no suposto de que non se atopasen probas concluíntes. "Isto debería terse feito en 2002, non en 2021. Se estamos aquí é porque se fixeron mal as cousas, e quizais agora xa non haxa solución", dixo, e salientou o "deficiente funcionamento da Xustiza" durante a instrución do caso.

Rosa Fernández-Cervera, irmá de Déborah, sinalou que, de non ser pola atención mediática que recibiu este crime nos últimos anos, non terían podido avanzar: "Parece mentira que teñamos que vender a nosa pel ao diaño", lamentou. Pola súa banda, o criminólogo e perito da familia Óscar Tarruella apuntou que a análise "minuciosa" dos restos, "xunto con outras pezas do crebacabezas" como a axenda de Déborah e o disco duro do ordenador, permitirán "dar caza ao asasino".

Aliás, confiou nos "avances" da ciencia e a tecnoloxía para cotexar os restos de ADN que se puidesen atopar, e sentenciou con rotundidade: "Estamos perto. Se eu fose esa persoa da que sempre sospeitou a Policía, non estaría tranquila".