O exército español cobrou 2.265.000 euros desde 2013 por vixiar os montes galegos en tempada de incendios

Exército nos montes galegos

Feijóo anunciou que renovará o convenio de colaboración coa forza armada e polo que a Xunta lle paga 560.000 euros.

O exército español volverá patrullar nos montes galegos estes meses de verán, coincidindo coa tempada alta de risco de incendios. Un labor que realiza a tropa e polo que a forza armada recibirá, neste 2016, 560.000 euros da Xunta. O exército desplegará desta volta 25 patrullas terrestres nos montes de Galiza e, como novidade, un dron ou avión non tripulado.

A cantidade que o exército español recibe por estas vixiancias, que adoitan ser de 3 meses, son case idénticas ano tras ano. En 2013 recibiu 560.000 euros, a mesma cantidade destinada neste 2016. En 2014 foron 575.000 euros e en 2015, 570.000.

A Xunta anunciaba a finais de maio que esta campaña administración galega e estatal suman máis de 7.000 persoas, 360 motobombas, 30 avións e helicópteros para combater o lume. O goberno de Feijóo marcouse como obxectivo diminuiu un 8,4% o número de incendios a respecto de 2015 (houbo 740, que calcinaron 11.800 hectáreas). Porén, desde o colectivo de axentes medioambientais da Xunta xa advertiron que a precariedade na que se atopan non é o mellor xeito de loitar contra o lume. “Traballamos case cos mesmos medios que nos 90, cuns medios obsoletos e coa falta de elementos básicos que, coa tecnoloxía existente, poderían axudar e moito, na loita contra os incendios”