O Can de Palleiro gaña terreo na Galiza: a poboación aumenta 67% en catro anos

Daniel Conde, presidente do Culb de Raza Can de Palleiro. (Foto: Nós Diario)
O club que promove a raza autóctona 'palleira' denuncia a súa falta de protección malia estar en perigo de desaparición.

"Na Galiza temos unha mentalidade de que o de fóra é mellor que o da casa, cando a maioría das veces non é así". Desta maneira o recentemente nomeado presidente do Club de Raza de Can de Palleiro, Daniel Conde, defende esta raza que, ao contrario do que se pensa habitualmente, existe e está recoñecida de maneira oficial. O Can de Palleiro atópase en perigo de desaparición malia o aumento de exemplares nos últimos tempos.

No ano 2018, había 1.395 exemplares desta raza na Galiza, mentres que na actualidade hai un total de 2.332 (+67%). A cifra durante estes catro anos incrementouse, mais segue a non ser o suficientemente alta para o mantemento da especie. "Desde o  Club de Raza de Can de Palleiro estamos completamente de acordo coa lei. Era necesaria e o seu transfondo é bo. O problema é que dificulta a cría das razas autóctonas e isto inclúe o Can de Palleiro, debido a que a nova lei non ten en conta a casuística particular das razas autóctonas en perigo de extinción e só fai referencia á cría de animais para a venda", asevera Conde en declaracións a Nós Diario.

Pola súa parte, Juan Carlos Puente, antecesor de Conde na Presidencia da entidade, indica que a lei "vai moi ben para as protectoras e para os criadores profesionais, mais a recuperación das razas autóctonas está baseada fundamentalmente por particulares, que fan unha ou dúas camadas. Se facemos a esterilización xeneralizada e se só poden criar propietarios que sexan profesionais, perderemos 98% da variabilidade xenética do Can de Palleiro e acabaremos na endogamia e iso entraña moitos problemas de saúde para os animais".

Unha cuestión de carácter

O Can de Palleiro é un animal de carácter afábel coa xente da casa, mais é desconfiado coa de fóra. "Isto vén dado porque tradicionalmente sempre foi un can pastor e un animal deste tipo sempre vai estar defendendo o gando ou a casa e, polo tanto, vai ser receoso dos descoñecidos, mais nunca violento ou agresivo. No momento en que vexa que a persoa é merecedora de confianza xa está", aclara Daniel Conde.

Incorporación do Can de Palleiro como guía

O carácter fiel e amábel desta raza chamou a atención da Organización Nacional de Cegos Españois, a ONCE. Desde o ano pasado, tres exemplares de Can de Palleiro están a ser adestrados para traballar con persoas con déficits visuais. Espérase que nos próximos meses sexan titulados e autorizados para poder comezar a prestar servizos. Por outro lado, os corpos de seguridade tamén están a realizar probas con estes cans para incorporalos nas grandes buscas. Segundo Daniel Conde, de momento a experiencia está dando "moi bos resultados", mais non hai nada definitivo.

Can de Palleiro. (Foto: Nós Diario)

O presidente da organización asevera que o Club de Raza de Can de Palleiro continuará na mesma liña e afirma que "non deixará de traballar, mínimo, até que haxa un palleiro na lúa ou polo menos na Galiza enteira".

A raza autóctona continúa en perigo de extinción

A nivel legal, considérase que unha especie está en perigo de desaparición mentres que non poida continuar existindo por si mesma. "A día de hoxe se non estamos pendentes da cría e da conservación da raza, esta podería ir perdéndose", asegura Conde. O Palleiro é unha das catro razas de cans autóctonas da Galiza, xunto co guicho, o perdigueiro e o podengo galego. Destaca a estabilidade psíquica e equilibrada deste animal, propio dun can pastor.