O Executivo estatal confirma que incluirá a liña Avant Ourense-Santiago-A Coruña na bonificación de 100%

Tren Avant de Renfe. (Foto: Europa Press)
Colectivos de pasaxeiros e formacións políticas como o BNG exixiran a súa inclusión.

Despois de que a portavoz do Goberno español, Isabel Rodríguez, adiantase esta cuarta feira que o Ministerio de Transportes estaba a traballar para engadir o traxecto Ourense-Santiago-A Coruña dos trens Avant aos abonos gratuítos de Renfe, vén de confirmarse que o Executivo estatal incluirá esta liña na bonificación de 100%, rectificando así a proposta inicial.

Segundo puido saber Nós Diario, a intención do Goberno do Estado español é introducir esta rectificación nun Real Decreto Lei que será aprobado, con toda seguridade, a vindeira cuarta feira, 6 de setembro.

Unha vez se deu a coñecer de maneira definitiva o cambio de postura, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, celebrou a noticia, "froito da constancia na denuncia dunha decisión que representaba unha discriminación para a Galiza".

Nun primeiro momento, o Ministerio de Transportes non incluíra este servizo na bonificación integra, amparándose nas súas "características especiais". Porén, as usuarias si podían facer uso do desconto de 50% que o Executivo de Pedro Sánchez anunciara anteriormente.

Abonos de Renfe

Desde que o pasado 24 de agosto se abrise o prazo para solicitar os abonos de Renfe, milleiros de persoas xa os solicitaron, para desprazarse de balde nos trens de Media Distancia e nos Avant.

Aínda que os abonos entraron onte en vigor, os usuarios e usuarias interesadas en adquirilos seguirán podendo facelo nos puntos de venta físicos habilitados por Renfe.

Para a compra do abono, será necesario depositar unha fianza. No caso dos trens de proximidade e Rodalies, a fianza para pagar á hora de adquirir o abono será de 10 euros, preferibelmente por medio de tarxeta bancaria, para que o reembolso poida ser devolto automaticamente a esa tarxeta, sempre e cando a persoa usuaria realizase un mínimo de 16 viaxes.

No caso da Media Distancia Convencional, a fianza será de 20 euros. Seleccionaranse as estacións de orixe e destino ás que se viaxará durante estes catro meses e posteriormente formalizarase cada viaxe que se desexe facer en calquera dos medios habituais, aínda que se recomenda o dixital.