Violencia machista

Exculpan o garda civil que denegou auxilio a Margarita Dopico horas antes de que asasinaran o seu fillo

Denuncian o fallo xudicial por ser violencia institucional

Unha sentenza exculpa o garda civil que denegou auxilio a Margarita Dopico, horas antes de que o seu ex marido asasinara o seu fillo. Denuncian o fallo xudicial por ser violencia institucional, xa que ademais responsabiliza a muller de non trasladar de forma clara o "terror que estaba a sufrir".

A sentenza do Xulgado do Penal número 2 da Coruña vén de absolver a un garda civil do delito de denegación de auxilio a Margarita Dopico. A muller achegouse ao garda civil para solicitar axuda, horas antes de que o seu ex marido, José Luis Deus, asasinase en 2010 o seu fillo de só 14 meses, facendo estalar unha bomba de gas no interior do seu coche en Paderne.

 

A nai presentou unha denuncia contra este garda civil e agora, a sentenza xudicial desprotexe e responsabiliza a Dopico por non trasladar de forma clara e suficiente ao axente o "terror" que estaba a sufrir, dado que "non tiña unha seguridade mínima para dicir que o risco existía", recolle a sentenza.

 

Margarita Dopico, xunto a Rosa Campos, responsábel do Centro de Información á Muller de Pontevedra, denunciou de “aberrante” este fallo xudicial que xustifica a absolución. Relatou ademais, en declaracións aos medios, que os axentes do cuartel de Betanzos atendérona na porta e non lle fixeron caso, sentíndose a muller "totalmente desamparada" e, engadiu, tratárona con desprezo.

 

"Estaban obrigados a prestarme axuda e non o fixeron" denunciou Margarita, quen anunciou que recorrerá a sentenza emitida polo Xulgado do que é titular o maxistrado José Antonio Vázquez Taín. Afirmou tamén que non vai parar até que se cumpra xustiza, haxa que chegar até os tribunais europeos se for necesario.