A exclusividade, o mito romántico que aínda prende na adolescencia

Un estudo analiza a percepción de violencia machista no alumnado de centros de ensino de Bueu.

A mocidade xa non se identifica, de forma maioritaria, co ideal de amor romántico, agás no que ten a ver coa fidelidade e, en menos medida, cos celos como "indicador de amor verdadeiro", que é "unha das características típicas de vivir o amor no mito da exclusividade". Esta é unha das conclusións do estudo sobre violencia de xénero e adolescencia desenvolvido polo Concello de Bueu –a través da Consellaría de Igualdade e do Centro de Información ás Mulleres–, coa participación de perto de cincocentas voces adolescentes, e que indica que aínda existe 23,4% de mozas e 18,5% de mozos que afirman que "o amor verdadeiro está predestinado".

Segundo o estudo, realizado a partir das resposta de 205 mozas e 254 mozos que cursan educación secundaria, ciclos formativos e primeiro de bacharelato nos centros de ensino IES Johan Carballeira, IES Illa de Ons e CPR Virxe Milagrosa de Bueu, a fidelidade sigue sendo un valor significativo para homes (86,2%) e mulleres (87,6%) e así se plasma na alta porcentaxe que manifesta o seu acordo coa afirmación "o amor significa ser fiel a túa parella". Até 38% das rapazas participantes e 41,6% dos rapaces concorda en que "no amor, sentir algo de celos demostra o importante que é esa persoa".

Aínda así, a análise resolve que non hai xa unha identificación maioritaria co mito do amor romántico, "a pesar do tipo de música que escoitan, das películas que ven e das personaxes preferidas", que teñen un peso importante na conformación da personalidade a estas idades, e de que, na práctica, mozos e mozas "seguen reproducindo os roles sexistas, é dicir consumindo o sostido do patriarcado".

Neste sentido, destacan entre as conclusións os principais modelos de referencia, que son, de forma maioritaria, influencer, cantantes, futbolistas, deportistas e artistas: para os varóns son, de forma prioritaria, os influencer (15,85% do total) ou os futbolista (12,80%) e para as mulleres, as cantantes (14,63%).

Causas da violencia

O estudo, que se enmarca no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, realizouse co obxectivo de coñecer as bases estruturais da violencia de xénero na mocidade e a percepción que esta ten das violencias machistas, de cara a deseñar pautas de intervención para fomentar actitudes igualitarias.

Neste sentido, a análise salienta a omisión da cultura machista como unha explicación das condutas violentas, que tanto mozas como mozas explican de forma máis a través de trazos psicolóxicos ou como resultado do abuso do alcohol e das drogas. Até 90,1% das participantes e 71,4% dos participantes entenden que os homes maltratan "por crerse mellores que as mulleres".

Aspecto a destacar é tamén a maior a porcentaxe de mozos (27,00%) que de mulleres (20,30%) que afirman que a causa da violencia é "pola conduta da muller (infidelidade, celos, estrés...)" ou "porque eles son violentos por natureza"(24,90% de homes e 17,30% de mulleres). Segundo se extrae da análise, existe unha preocupación compartida na xeración actual con respecto á violencia de xénero, debido a que é un tema que forma parte da axenda educativa e política.

Pero, así e todo, "esta preocupación non quere dicir que a mocidade teña claro o concepto e segue consumindo o que sostén o patriarcado".