Xuízo do Alvia

Cortabitarte culpa o maquinista e di que a chamada realizada ao interventor do tren foi "ilegal"

O ex director de seguridade de Adif, Andrés Cortabitarte. (Foto: Europa Press)
A preguntas do fiscal Mario Piñeiro, Cortabitarte negou que a dirección de seguridade á fronte da cal estaba tivese responsabilidade na “avaliación nin a análise de ningún risco”.

O ex director de seguridade de Adif Andrés Cortabitarte, un dos dous imputados polo accidente do tren Alvia ocorrido na localidade santiaguesa de Angrois, sinalou o maquinista como responsábel do sinistro, por ir "falando durante 100 segundos" co interventor de Renfe por teléfono.

"Iso é o impensábel: falar 100 segundos. Ademais, nunha conversa de algo que vai ocorrer hora e media despois. Iso non pode facelo, é ilegal facelo", esgrimiu Cortabitarte, a pesar de que o maquinista asegurou na súa declaración da pasada semana que “era obrigatorio facelo”.

Na súa declaración, aseverou que tiña que ser el quen adecuase a circulación do tren Alvia ao cadro de velocidades mentres pasaba pola curva da Grandeira, da que negou que tivese algunha "peculiaridade" con respecto ás outras 1.800 curvas que hai no sistema ferroviario "con esas características".

"É impensable que alguén, no sitio máis importante dunha liña como a entrada dunha estación, estea distraído”, engadiu Cortabitarte, para despois sentenciar que isto foi o que levou a Garzón a "frear aos 100 segundos". "Se frease catro segundos antes, non estariamos aquí (no xuízo). Estamos aquí por catro segundos", concluíu.

Sen competencias

O ex director de seguridade Adif asegurou na súa comparecencia desta quinta feira que non tiña competencias na avaliación de riscos da liña.

A preguntas do fiscal Mario Piñeiro, Cortabitarte negou que a dirección de seguridade á fronte da cal estaba tivese responsabilidade na “avaliación nin a análise de ningún risco”.

O ex director de seguridade de Adif, Andrés Cortabitarte, e o maquinista Francisco Garzón. (Foto: Europa Press)

En calquera caso, admitiu que “si “ tiña competencias, “entre outras cousas”, na seguridade da liña Ourense-Santiago -precisamente na que se produciu o sinistro no que morreron 80 persoas e resultaron feridas máis dun centenar persoas-.

Preguntado polo certificado de seguridade, sinalou que o que emitiu el "non é o certificado de seguridade da liña", aínda que recoñeceu que sen el, a liña non podería pórse en servizo. "Porque é un máis dos catro, seis... oito certificados que se emiten aí. É un máis. Todos son necesarios", engadiu.

Marxe de velocidade

Ademais, Cortabitarte alegou que o deseño da curva da Grandeira acometeuse "cunha marxe de velocidade" e "seguridade" de entre 80 e 160 quilómetros por hora.

Segundo a súa declaración, "non pasaba nada" se o convoi circulaba a máis de 80 quilómetros por hora, porque até os 160 "o administrador e a normativa asume os erros de condución". "Por enriba de 160, xa é outro risco", engadiu o ex responsábel de seguridade de Adif.