O ex alcalde do PP de Muras enfróntase a 15 anos de inhabilitación por presunta prevaricación

O ex alcalde do PP de Muras, Isaam Algnam Azzam, nos xulgados de Lugo. (Foto: Europa Press)
Isaam Algnam Azzam foi acusado de ameazar o actual rexedor Manuel Requeixo.

O ex alcalde de Muras Isaam Algnam Azzam, do PP galego, volverá sentar no banco dos acusados como presunto autor dun delito de prevaricación, e será xulgado na sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo esta terza feira.

Segundo recolle o escrito de acusación pública, o ex alcalde subscribiu decenas de contratos laborais temporais entre 2012 e 2015, sen seguir os procedementos regrados para seleccionar ao persoal.

Todo isto fíxoo "con pleno coñecemento e vontade de que actuaba á marxe do ordenamento xurídico e de que ocasionaba un resultado materialmente inxusto co seu comportamento", indica a Fiscalía.

Así, a Fiscalía sinala que algunhas das contratacións se fixeron tras unha entrevista persoal do propio alcalde coas persoas contratadas, e que o rexedor fixo "caso omiso" das advertencias da interventora sobre as súas irregularidades.

Por estes feitos, considérao autor dun delito continuado de prevaricación, e pide que sexa inhabilitado para emprego ou cargo público durante 15 anos.

Delito continuado de prevaricación

O ex rexedor de Muras xa foi condenado por inxurias cara ao seu sucesor, Manuel Requeixo, en 2016, e foi xulgado en 2021 por prevaricación, nesa ocasión por asinar resolucións en materia urbanística que beneficiaban á súa muller, aínda que foi absolto pola Audiencia.

Naquel momento o vice-responsábel comarcal do BNG de Muras, Xoán Antón Estúa García, denunciou a actitude “antidemocrática e mafiosa” do ex alcalde do PP galego, que empeorou despois das denuncias polo caso da Aldea Etnográfica. “Utiliza o seu posto como rexedor municipal para beneficio persoal e da súa familia”, aseguraba entón Xoán Antón Estúa.