Evoluciona favorabelmente na UCI a muller agredida a pasada semana en Carballo

Comandancia da Garda Civil en Carballo. (Foto: Europa Press)
A muller foi ingresada no complexo hospitalario universitario da Coruña (Chuac) cun traumatismo craneal e diversas lesións na cabeza e na faciana, producidas polos golpes que presuntamente lle propinou o seu agresor.

Fontes sanitarias veñen de informar a Europa Press que a muller agredida presuntamente pola súa parella a pasada segunda feira no concello de Carballo evoluciona favorábelmente das súas lesións.

As mesmas fontes matizan que a vítima da agresión segue ingresada na Unidade de Coidados Intensivos (UCI), á espera de que a súa condición clínica mellore o suficiente como para poder ser trasladada a unha habitación convencional.

A muller foi ingresada no complexo hospitalario universitario da Coruña (Chuac) cun traumatismo craneal e diversas lesións na cabeza e na faciana, producidas polos golpes que presuntamente lle propinou o seu agresor.

Precisamente, a xuíza titular do Xulgado de Instrución número 1 de Carballo acordou unha orde de protección para a vítima e para os fillos da parella. Desta maneira o home non ten permitido aproximarse nin comunicarse con eles. Ademais, a maxistrada suspendeulle ao agesor o exercicio da patria potestade e a custodia dos menores.

Cronoloxía dos feitos

Os feitos polos que se lle investiga sucederon contra as 2.45 horas do pasado 30 de maio no lugar de Fonte Caldeira, no municipio de Carballo, onde unha testemuña atopou á muller na rúa tras ser agredida e alertou á Benemérita.

Ao lugar o 061 enviou dúas ambulancias de soporte vital básico, persoal sanitario da PAC de Carballo e unha ambulancia de soporte vital avanzado, que, tras unha primeira asistencia no lugar, trasladou á muller ferida, duns 43 anos de idade, ao Hospital da Coruña.

Pola súa parte, os dous fillos menores de idade da parella permanecen baixo custodia dun familiar directo da vítima, aseguraron por parte de fontes consultadas.

 

O marido da vítima e presunto agresor, que carece de antecedentes, fuxiu tras a agresión e, logo de ordenar a súa procura a Garda Civil, entregouse na Comandancia da Coruña, onde foi detido contra as 10.15 horas da segunda feira, desde onde foi trasladado ao cuartel de Carballo. A Policía Xudicial da Garda Civil do municipio abriu unha investigación para esclarecer os feitos.