A evolución do incendio de Boiro obriga a activar a alerta pola proximidade do lume a vivendas

Imaxe do incendio en Boiro no día de onte. (Foto: @Incendiosgalic1/Twitter)
As lapas arrasaron polo de agora 350 hectáreas.

A Consellaría de Medio Rural solicitou a declaración da Situación 2 de alerta no incendio forestal que afecta o concello de Boiro, debido á proximidade das lapas ao núcleo de poboación de Piñeiro.

Este lume, que se orixinou na parroquia de Cures ás 16,12 horas desta quinta feira, queimou unhas 350 hectáreas, segundo as últimas estimacións da Xunta, e xa afecta a zona de Sampaio, no concello veciño da Pobra do Caramiñal.

O alcalde de Boiro, José Ramón Romero, recoñeceu que a situación "se complicou" nas últimas horas na zona de Piñeiro, ademais de en Montañó. En canto a Sampaio, na Pobra, Romero advirte que "si que hai perigo" para as casas.

Con todo, o rexedor boirense sinala que "de momento" non houbo que desaloxar veciños nin se produciron danos en infraestruturas, aínda que si hai "moito fume" na zona.

Até o momento, mobilizáronse para controlar o incendio de Boiro tres técnicos, 25 axentes, 40 brigadas, 25 motobombas, catro pas, unha unidade técnica de apoio, 12 avións e sete helicópteros.

É a segunda Situación 2 de alerta activa na Galiza, ademais da do incendio de Caldas de Reis, que tamén  afecta Vilagarcía de Arousa, cunhas 450 hectáreas calcinadas.