Eventuais en Loita contra a consolidación do traballo precario a conta da pandemia

Mobilización do colectivo Enfermeiras Eventuais en Loita ás portas do Hospital Universitario de Ourense antes da pandemia.
Persoal eventual do sistema público de saúde denuncia a posición "ditatorial" da Xunta en materia de recursos humanos. Piden corrixir un modelo de xestión da contratación que perpetúa a precariedade e a inestabilidade das profesionais.

O Servizo Galego de Saúde busca aprobar nas vindeiras datas o plan de continxencia en materia de recursos humanos que deu a coñecer ás organizacións sindicais o pasado 6 de novembro.

Unha proposta que a mesa sectorial volverá discutir esta cuarta feira no transcurso dunha nova xuntanza da comisión central de contratacións na que representantes das traballadoras do Sergas aspiran a consolidar algunhas das demandas do colectivo.

35% do persoal temporal asinou 10 ou máis contratos en oito meses e menos de 2% recibiron aviso da contratación con máis de cinco días de antelación.

O plan do Goberno galego contempla a contempla 750 nomeamentos de emerxencia sanitaria de profesionais da enfermaría cunha duración mínima de catro meses, doc cales, especifica, máis dun cento poden converterse en contratos de até un ano de duración. Na mesma liña, o Sergas prevé realizar nomeamentos de emerxencia sanitaria noutras categorías, tanto de Atención Primaria como hospitalaria, tamén cunha duración mínima de catros meses a determinar en función das necesidades asistencias. 

Son dous dos anuncios máis destacados por parte da Administración galega que ademais, contempla medidas específicas para a xestión das listas de contratación, como a de premiar  cunha puntuación extra a dispoñibilidade das persoas aspirantes a un emprego temporal.

Achegas que os colectivos de traballadoras eventuais, organizadas contra a precariedade e a inestabilidade laboral, axiña saíron a desmontar.

As cifras da eventualidade

"Este plan son máis obrigas para as traballadoras e máis liberdade para a Administración", asegura a Nós Diario Nuria González, integrante de Enfermeiras Eventuais en Loita. Segundo di, a proposta do Sergas é máis unha cortina de fume para "continuar manexando ao seu antollo o persoal eventual" que unha invitación a mudar a xestión e a oferta dos contratos, co obxectivo de atender ás necesidades reais da sanidade mais tamén de poñer fin "á precariedade laboral que acusamos, tamén durante a pandemia".

As cifras da eventualidade tras a aparición da Covid-19 reflicten que 35% do persoal temporal asinou 10 ou máis contratos en oito meses. Menos de 2% recibiron aviso da contratación con máis de cinco días de antelación. E 55% pasaron por cinco servizos distintos ou máis.

Non hai transparencia, non hai rexistros nin de chamamentos nin de enfermeiras activas.

"Desde a Xunta alegan falta de persoal. Pero, dunha banda, non hai transparencia, non hai rexistros nin de chamamentos nin de enfermeiras activas; e doutra, o trato que recibimos non é acorde con esa necesidade que din ter de nós", explica Nuria González. "E a proba está en que moita xente optou pola suspensión de chamamentos durante a Covid-19, para fuxir dunha escravitude que agora a Administración se dispón a premiar". 

A Xunta ofrece 1,5 puntos adicionais a quen aceptou contratos desde o inicio da pandemia. "Unha medida que rexeitamos porque exclúe a quen estivo en suspensión de forma legal, a quen estivo de baixa por coidados ou enfermidade e a quen estivo cun contrato de formación malia estar traballando seguido. Mais tamén porque perpetúa unha contratación precaria, e afianza profesionais queimadas. O que están dicindo é: se queres esta puntuación extra vas ter que aceptar toda a inestabilidade laboral que che ofrezamos. E non queremos iso", recalca González. 

Formación digna

O colectivo de Enfermeiras Eventuais en Loita desvela que os contratos dun ano que ofrece a Xunta agochan os detalles que os definen. "Por exemplo, a carteleira vana comunicar mes a mes, e só un 80%. O resto será para incidencias que vaian xurdindo". Un manexo que asenta a precariedade, asociada tamén á formación. "Queremos que sexa digna, que non implique deixar de puntuar, de cobrar e de cotizar como vén sendo habitual".