Evacuados en helicóptero dous tripulantes após sufrir un accidente a bordo dun pesqueiro vigués a 100 millas de Escocia

O 'Lodairo' ten porto base en Vigo.

O 'Lodairo', cuxa última escala foi en Holanda, atopábase capturando lirio, con 34 tripulantes a bordo.

Dous tripulantes do arrastreiro vigués 'Lodairo', da pesqueira Áncora, foron evacuados en helicóptero a un hospital após sufrir un accidente a bordo, segundo confirmaron fontes de Salvamento Marítimo.

O buque contactou co Centro Radio Médico para informar do ocorrido na madrugada da quinta feira e, á primeira hora da mañá confirmouse a evacuación en helicóptero dos dous feridos, tripulantes galegos, xestionada polo Centro Nacional de Coordinación de Salvamento en cooperación co centro Stornoway MRCC.

O accidente produciuse cando o barco, que ten porto base en Vigo, estaba a faenar a unhas 100 millas ao Noroeste das costas de Escocia.

Fontes da armadora confirmaron esta evacuación e que os dous tripulantes están a ser atendidos no hospital Western Isles de Escocia. As súas familias atópanse viaxando cara alí.

O 'Lodairo', cuxa última escala foi en Holanda, atopábase capturando lirio, con 34 tripulantes a bordo.

Polo momento, Áncora explicou que a 'marea' se mantén en suspenso á espera de coñecer a evolución dos dous accidentados.