Evacuado un condutor após bater contra unha árbore e envorcar co seu vehículo en Ordes

Ambulancia do 061 (CIG)

Un condutor tivo que ser trasladado a un centro hospitalario este sábado após bater co seu vehículo contra unha árbore e envorcar na localidade  de Ordes.

Segundo trasladou o 112 Galiza, o accidente produciuse sobre as 07:45 horas, no quilómetro 6 da estrada AC-409, á altura de Mercurín. Un particular que se atopaba na zona alertou a central de emerxencias detallando que o coche batera contra unha árbore e quedara envorcado na cuneta.

Con esta información foron mobilizados até o lugar os Bombeiros de Ordes, así como os servizos sanitarios, que desprazaron até o punto ao helicóptero medicalizado con base en Ourense, aínda que finalmente o condutor do vehículo foi trasladado en ambulancia ao centro hospitalario de referencia.

Ademais, os bombeiros colaboraron para retirar o ferido do interior do turismo, xa que, a pesar de atoparse liberado e accesíbel, permanecía enganchado polo cinto. No operativo participaron tamén axentes da Garda Civil de Tráfico e persoal do servizo de mantemento e conservación de estradas.