Eva Vilaverde: "Cando chegaron á Pontesa, os servizos de emerxencia non eran conscientes do perigo que alí había"

A concelleira de Protección e Seguridade Cidadá de Pontevedra, Eva Vilaverde. (Foto: Nós Diario)
Nós Diario conversa coa concelleira de Protección e Seguridade Cidadá de Pontevedra, Eva Vilaverde, para analizar a situación do incendio que este domingo afectou a antiga fábrica da Pontesa, no límite entre o concello pontevedrés e Soutomaior.

En que estado se atopa agora mesmo a situación do incendio na fábrica?

O Concello deu esta segunda feira por rematada a situación de emerxencia polo lume. Unha vez xa non hai lapas, os bombeiros de Pontevedra marcharon. Agora é a quenda da empresa xestionar os residuos do interior da edificación, sempre en consenso co que estabelece a normativa vixente e o que decidan os organismos correspondentes.

Cómpre entendermos que a nave acumulaba e segue a acumular no seu interior unha gran cantidade de material incendiario que favoreceu a combustión. Falamos de toneladas de gran e cereal, en moreas de 10 metros de alto e 15 de ancho, e de outros produtos propensos a arder. Ademais, o edificio conta con fibrocemento e amianto [elementos que producen gases moi contaminantes en contacto co lume], polo que o risco era aínda maior.

Tiña coñecemento o Concello de que alí se estivesen levando a cabo labores de almacenaxe deste tipo de elementos?

No Concello non constaba ningún tipo de solicitude de licencia de actividade, nin para almacenaxe nin para ningunha outra actuación. Este Goberno local recorreu no seu momento a ampliación da concesión adxudicada polo organismo marítimo-terrestre responsábel, e desde ese momento non houbo ningún tipo de comunicación nin solicitude para que esta situación mudase.

Cando chegaron á Pontesa, os servizos de emerxencia non eran conscientes do perigo que alí había. Atopáronse cunha auténtica polvoreira de material inflamábel. Non só era o material da nave. No exterior tamén había acumuladas toneladas de madeira que dificultaban os labores de extinción.

Vehículos á espera de poder continuar por causa do incendio (Foto: Emilio Luna).

Ademais, a nave non contaba con ningún tipo de medida de seguridade, requiridas para actuar ante este tipo de accidentes. Os bombeiros atopáronse sen ter acceso a fontes de auga para apagar o lume, e tivemos que poñernos en contacto con organismos como a Axencia de Emerxencias da Galiza (Axega) para poder contar con cisternas e outro material.

A veciñanza da zona si que era consciente de que levaban varias semanas descargando madeira no interior da Pontesa. Non recibiu o Concello notificación ou denuncia dalgún particular?

Como xa dixen, o Concello non tiña coñecemento desta situación. Ese terreo depende das autoridades marítimo-terrestres, polo que non depende de nós o control. Ademais, tampouco recibimos ningún aviso de particulares.

Tendo en conta a situación de perigosidade e as presuntas irregularidades cometidas na Pontesa, estuda o Concello acudir a vías legais contra a empresa dona da nave?

Nós, como Concello, debemos encargarnos da parte administrativa da cuestión. Isto é: exixir o cese inmediato das actividades que alí se estaban levando a cabo, e estudar a apertura dun expediente sancionador. En canto ao ámbito xudicial, o equipo xurídico municipal atópase nestes momentos avaliando a quen lle compete a acudir a estas vías legais. Se somos nós farémolo e se é outra Administración exixirémoslle que o faga.

Fume a saír da nave anexa á fábrica de cerámica Pontesa (Foto: Emilio Luna).

Pasaron menos de 24 horas desde que se declarase o incendio. Polo de agora debe ser a policía xudicial a que leve a cabo unha investigación para determinar as causas do incendio, os responsábeis do mesmo e as posíbeis consecuencias.