Entrevista

Eva Vera: "O pobo xitano atopa barreiras no acceso aos servizos públicos"

A directora na Galiza da Fundación Secretariado Xitano, Eva Vera. (Foto: Nós Diario)
80% da poboación xitana está afectada pola pobreza e a exclusión social e só 17% dela ten completados os estudos de ESO ou superiores. Así o revelan os datos da Fundación Secretariado Xitano, cuxa directora na Galiza, Eva Vera, conversa con 'Nós Diario' ás portas deste sábado, Día Internacional do Pobo Xitano.

—Cal é a relevancia de reivindicar o Día Internacional do Pobo Xitano?
O 8 de abril conmemórase a celebración do primeiro Congreso Mundial Xitano decorrido en Londres en 1971 no que se instaurou esta data así como a bandeira e o himno Gelem, Gelem da comunidade xitana. Aínda que pareza algo só simbólico, non o é, pois axuda a que cada vez máis xente teña claro que os xitanos e xitanas son cidadáns galegos cunha cultura propia e moi rica que fixo grandes achegas á sociedade.

A pesar de que a comunidade xitana leva con nós máis de cinco séculos segue sendo a gran descoñecida, séguese pensando nela como estranxeira. Aínda existe un rexeitamento ao colectivo polo mantemento de prexuízos a todos os niveis.

—Cales son eses prexuízos?
A aparencia física ou os apelidos vinculados á cultura xitana supoñen unha primeira barreira coa que o colectivo se atopa á hora de acceder aos servizos públicos. Teñen o dobre esforzo de abrir esa porta que se lles pecha para poder buscar un emprego, unha vivenda ou acceder á sanidade e á educación. O Dicionario da RAE sinalaba como sinónimos de xitano adxectivos como vago e tramposo. Estas ideas están asentadas no imaxinario colectivo; os prexuízos son tan fortes porque a discriminación vén de moi atrás. 

—Que medidas se están a tomar para garantir a súa inclusión social?
Este 8 de abril queremos pór en valor a aprobación da Lei integral para a igualdade de trato e a non discriminación, na que se incorpora o antixitanismo como un delito de odio recoñecido no Código Penal. Isto é un feito histórico co que a comunidade xitana verá recoñecidos séculos de discriminación e de rexeitamento social. De feito, na Galiza deuse a coñecer unha sentenza do xulgado de Ourense o ano pasado na que se ditaminou un delito de odio contra o colectivo xitano. É un paso moi importante que a comunidade se vexa amparada pola lei. 

Ademais, tanto a nivel galego como municipal, estanse a pór medidas que garantan o acceso da poboación xitana aos servizos públicos de maneira normalizada. Mais cando un colectivo parte dunha situación de desvantaxe, cómpre estabelecer accións intermedias para que ese acceso se dea, e esa é a nosa función.

—Cales son os aspectos nos que máis urxe traballar?
Hai dúas cuestións importantes nas que cómpre avanzar. En primeiro lugar, no ámbito educativo. Hoxe 6 de cada 10 mozos e mozas acaban a Educación Secundaria sen obter o título, polo que son necesarias medidas específicas. 

Por outra parte, encontramos o problema do chabolismo e da infravivenda. Somos a autonomía que, en peso relativo, ten un maior número de persoas xitanas vivindo en chabolas. É un reto importante, pois ter unha vivenda normalizada é o primeiro paso para lograr a inclusión e poder acceder a outros servizos.