Eva Moreira, psicopedagoga: "O profesorado atópase só nas aulas e non ten tempo para traballar en equipo. Faltan docentes"

A profesora Eva Moreira no seu departamento (Nós Diario)
Eva Moreira, egresada en Psicopedagoxía e docente de Educación Secundaria na especialidade de Orientación Educativa, asegura nunha tese de doutoramento que as TIC producen no profesorado unha satisfacción profesional e a percepción de emocións positivas na aula. Para que esta ecuación funcione hai que contar con internet e o persoal apropiado.

-Que beneficios trae o emprego das TIC nas aulas?

Moitos. As Tecnoloxías da Información e Comunicación non son un recurso educativo, creáronse para outras cousas. Da mesma maneira que a televisión tampouco, é unha ferramenta que se pode empregar no ámbito educativo. O que utilizamos das TIC é a interacción, a activación e a participación activa do alumnado. É algo importante para nós, aí creamos ligazóns comunicacionais que é onde se xera a aprendizaxe. O proceso ten como base o clima que poidamos ter nunha aula. A aprendizaxe non é prioritariamente individual, é social. 

Fixeime nas TIC por ser ferramentas interactivas. Significa que o propio alumnado vai ter unha experiencia propia. Traballarás ao mesmo tempo competencias e contidos. Por ese motivo a lexislación educativa fala de enfoque competencial. Nunha aula temos que traballar competencias para adquirir habilidades e destrezas que nos servirán para a vida. As TIC xeran ese propio coñecemento, non é só un mediador. Ademais motivan e esta motivación é o motor de toda acción. Se motivan a un alumno como non motivarán a unha docente? E se está motivado empregará as TIC. Exercen un proceso retroalimentador.

-Temos as ferramentas necesarias nos centros educativos galegos para empregar ben as TIC?

Hai moitos estudos por parte da Consellaría sobre os recursos cos que conta o profesorado e o alumnado. A nivel xeral teñen ferramentas. O problema é que hai zonas na Galiza nas que non chega internet. Un exemplo é o municipio da Cañiza onde estou agora dando aulas. Na zona hai concellos, como Arbo, que teñen problemas de cobertura. O alumnado ten computador e wifi mais falla a cobertura. Se houbera un confinamento como o do ano pasado moito alumnado quedaría colgado e o non poderiamos exercer o noso traballo como profesorado.

Na Galiza fai falta avanzar moito en infraestrutura. Hai que traballar coas empresas. Non pode ser que a ferramenta que nos puxeron para facer as reunións non presenciais non traballa en galego. Para min é unha eiva moi importante. O feito de que teñas que baixar a aplicación en inglés non o fai rápido. E agoar xa non se fala de TIC senón de TAC, tecnoloxías de Aprendizaxe para o Coñecemento. Son pasos de xigante mais se non tes cobertura ese paso non o podes dar. 

-É necesario introducir o coñecementos das TIC nas probas para que o profesorado acceda a unha praza pública de emprego? 

Hai un documento de 2015 sobre competencias profesionais na docencia que eu utilicei na miña tese. Asegura que entre as competencias básicas para a docencia estaba a dixital. No máster posterior a cada carreira debería de estar integrado e se non está debería revisarse. Non só teñen que prepararse senón que deben demostrar esa competencia para que a túa programación conte con esas ferramentas. Non se trata de mudar o recurso, trátase de adaptalo. Se tes un alumno con dificultades de comprensión lectora ou a expresión podes ter outro tipo de avaliación, non necesitas un exame escrito.

Costa moito separarse desa proba e do libro de texto mais a lei permíteo. Acontece co traballo de orientación que ten que implicar ao profesorado en proxectos de innovación e investigación, unha das funcións máis esquecidas. O problema é que contamos cunha orientadora para centros de 1.500 alumnas e alumnos e sen contar con educadoras sociais. O profesorado atópase só nas aulas e non ten tempo para traballar en equipo. Iso faría que o traballo das TIC funcionase. Faltan docentes e se puxeran máis profesorado sería máis doado.