Eva Mejuto traballa no libro 'A memoria diversa'.

Eva Mejuto: "As entrevistadas resaltan que, malia os avances, a igualdade do colectivo LGTBIQA non é real"

A xornalista e escritora, Eva Mejuto. (Foto: Cedida)
Eva Mejuto (Sanxenxo, 1975) é doutorada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela. Ten publicadas diversas obras como 22 segundos, onde trata a historia dun mozo trans, ou Memoria do silencio, unha novela que se desenvolve na Galiza durante a Segunda Guerra Mundial. Agora mesmo está a traballar na obra A memoria diversa, un libro que forma parte do proxecto homónimo da Deputación da Coruña. 
-Como xurde a idea de realizar este libro sobre a memoria do colectivo LGTBIQA na Galiza?

Isto parte dunha iniciativa que comezou en Madrid hai cousa de dous anos, na que se comezaron a compartir unha serie de publicacións no eixo da memoria do colectivo. O documental da RTVE Nxs somos, non ten ningunha referencia galega e deume bastante rabia esa ausencia do país na memoria do colectivo.

A partir de aí pensei en traballar nunha novela sobre o tema, mais precisaba documentarme e realizar entrevistas para que a xente do colectivo me contase a súa historia, sobre todo xente a partir de 60 e 70 anos. Este proceso, co proxecto da Deputación coruñesa, "A memoria diversa", pasou de ser unha novela a unha publicación de entrevistas, coas súas fotografías realizadas por Carmen Cerviño, e unha parte de documentación que tamén queremos engadir á publicación do libro.

-Presentou esta iniciativa hai unhas semanas, mais o libro publicarase no outono, cal é o seu obxectivo?

A través deste traballo queremos que quede constancia da historia que viviron estas persoas, que foron multadas, represaliadas, silenciadas e mesmo encarceradas durante o Franquismo.

Cando traballei no libro da Memoria do silencio, atopeime co problema de que moitas testemuñas xa non estaban con nós e non quero que se sigan perdendo voces que nos conten a historia. 

Ademais, a idea é facer ver a rapazada que os dereitos cos que o colectivo contamos actualmente é grazas a moita xente galega que estivo loitando e que vexan, non só todo que se evolucionou, senón tamén todo o que se pode perder cos actuais discursos de odio.

-Como está a ser o proceso das entrevistas? 

O traballo está a ser as veces un pouco complicado, porque a xente maior, a partir de 60 ou 70 anos, non sempre quere contar a súa historia, porque a represión e criminalización sufrida pesa aínda moitísimo. Malia isto, teño boa parte das entrevistas feitas e seguimos traballando para dignificar as voces e o traballo que se leva realizando durante estas décadas na loita privada, pública, social e política polos dereitos do colectivo LGTBIQA

-Das entrevistas que leva realizado, que testemuño lle sorprendeu máis?  

Sorprendeume especialmente o testemuño de Trinidad Falcés, unha muller trans da Coruña de 80 anos, que estivo varias veces no cárcere, en instalacións destinadas concretamente para a xente do colectivo en lugares como Barcelona ou Cáceres. Ademais, ela formou parte da primeira manifestación en prol dos dereitos do colectivo que se realizou na cidade barcelonesa en 1977. 

Outro aspecto que tamén me sorprendeu moito destas entrevistas é que eu pregunto a todas se lles houbese gustado nacer na actualidade e, malia que eu pensaba que me responderían que si, practicamente toda a xente me dixo que non, porque toda a loita que viviron axudaron a facer camiño para conseguir máis dereitos para o colectivo. 

-Cal é o aspecto positivo ou negativo que máis lle comentaron nas entrevistas?

Pois algo en que todo o mundo coincide é que, malia que si que existen moitos avances de cara a igualdade do colectivo na sociedade, sobre todo se o comparamos coa situación de hai dez ou vinte anos, esta non é real. Todos me destacaban os casos de abusos, acoso e mesmo tentativas de suicidio que existen dentro do colectivo porque aínda existe ese rexeitamento á xente que conforma o colectivo LGTBIQA.