Cesada tras cuestionar o Sergas

Eva Maquieira: "Nunca recibira amonestación ningunha... até que publiquei unha mensaxe crítica"

Eva Maquieira foi cesada do seu posto en marzo de 2020 (Foto: Nós Diario).
Eva Maquieira foi cesada como responsábel do servizo de Cirurxía Plástica do Hospital Álvaro Cunqueiro en marzo de 2020, xusto un día despois de publicar no seu perfil de Facebook unha mensaxe moi crítica coa Administración, a raíz dunha controvertida orde que recibiran da Xerencia —daquela ostentada polo actual conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña—: o persoal sanitario non debía usar máscaras cirúrxicas "para non xerar alarmismo". O TSXG vén de desestimar o seu recurso contra a decisión do Sergas de cesala e decidiu rachar o seu silencio atendendo as preguntas de 'Nós Diario'.

A doutora Eva Maquieira Gómez foi cesada como responsábel do servizo de Cirurxía Plástica, Reparadora e Estética do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo en marzo de 2020, poucos días despois de que se decretase o estado de alarma pola pandemia de Covid-19. Naquela altura os primeiros casos positivos saturaban uns hospitais que non estaban preparados para facer fronte á situación.

Maquieira, que nunca recibira "amonestación ningunha, nin sequera un correo electrónico chamando a atención", publicou no seu perfil de Facebook unha mensaxe crítica cos responsábeis sanitarios da Administración na que sinalaba:  "Fun criticada e reprendida polos meus mandos superiores por empregar máscaras cirúrxicas desde hai unha semana na miña actividade diaria no hospital, sobre todo en curas e consulta, onde é fisicamente imposíbel manter a tan pregoada distancia dun metro".

A xerencia da área sanitaria —que ostentaba o actual conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña— cesouna fulminantemente do seu cargo ao día seguinte, alegando que se "negara" a acatar "as recomendacións sanitarias para evitar a propagación do virus", que daquela indicaban que o persoal sanitario non debía levar máscara "para non xerar alarmismo".

—Comentaba o pasado sábado que, a pesar de que varios medios de comunicación difundiron a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) en relación ao seu caso, nin vostede nin o seu avogado recibiran aviso ningún. Xa se produciu esa comunicación oficial?

Si, chegoume a última hora da tarde desta segunda feira, cando ma enviou o meu avogado. Os xornais publicárono o sábado, mais eu non souben nada até a segunda feira. A sentenza confirma o que xa transcendera, que se desestimou o recurso de apelación.

—Que valoración fai deste fallo xudicial?

Non me recoñezo na persoa que eles [o Sergas] describen. Teño a impresión de que unicamente tiveron en conta [as e os xuíces] a imaxe de min que aportou o Sergas, da miña falta de idoneidade para o posto, que non cumpría coas miñas funcións... Todo iso son mentiras e así o demostrei no Xulgado de Primeira Instancia de Vigo, mais o TSXG non o reflectiu, non o tivo en conta e semella terse limitado a transcribir a versión do Sergas, e sobre esa versión emitiron o seu fallo malia que hai datos de xestión que corroboran os meus argumentos, e levei dúas testemuñas ao xuízo... Son cuestións facilmente demostrábeis.

De feito, é estraño que non se publicara tamén a sentenza do xulgado de Vigo, cuxa sentenza tamén desestimaba o meu recurso no que atinxe ao cesamento, porque aí tamén entra o tema da provisionalidade desa praza e eu enténdoo. Mais non saían [desde o Sergas] tan ben parados co intento que fixeron despois de desprestixiarme profesionalmente e dar unha versión de min que non era certa. O xuíz de Vigo censura a actuación do Sergas pola "innecesariedade en manchar a imaxe profesional da recorrente agregando outra motivación ficticia ao cesamento e mesmo outorgando gratuíta publicidade cunha nota de prensa que máis ben parecía conseguir un obxectivo aleccionador e impropio".

—Foron moi diferentes, polo que comenta, a sentenza do TSXG e a anterior do Xulgado de Primeira Instancia de Vigo...

A sentenza do TSXG fixo fincapé en que eu, por ser xefa de sección e ter un cargo de responsabilidade, debería ter sido especialmente comedida á hora de expresar publicamente os meus pensamentos, e que debería actuar con lealdade e responsabilidade no exercicio das miñas funcións estreitando lazos, sobre todo, coa Xerencia e a Dirección do hospital. Mais teño claro que, en plena pandemia, a miña responsabilidade e lealdade estaban cos meus pacientes, a familia e as e os compañeiros que traballaban arreo na primeira e a segunda liña.

A eles era a quen realmente me debía e non a quen vai ditando normas e protocolos cambiantes, moitos sen base cientifica, como o que me achacan, que non debiamos usar a máscara cirúrxica porque alarmabamos á xente, ou mesmo que non sabiamos usala... Iso díxomo o xerente na reunión na que me cesou, cando eu levo 25 anos traballando en quirófano. O Sergas fala en xeral de que saltei protocolos, mais esa foi a norma que incumprín. E denunciabámolo todos, teño compañeiros xefes de servizo que dicían xusto o mesmo, mais no hospital, mentres eu o publiquei en Facebook e fun a 'cabeza de turco'. Mais a meirande parte pensabamos e sufriamos o mesmo.

—Fai fincapé en que "ostentar unha xefatura non implica ficar mudas".

E non só o digo eu, tamén o Tribunal Constitucional (TC), que recoñece que todos os postos de libre designación, como o meu, igual que para nomear unha persoa tes que ter unha motivación profesional e non chega con que te caia ben, para cesala tes que argumentar de forma profesional. Non é, ou non debería de ser, unha cuestión persoal ou de afinidades politicas; hai sentenzas ao respecto, non só o digo eu.

Non debemos sentir que estamos amordazados e amordazadas por ostentar un cargo con responsabilidades; ao contrario, somos máis responsábeis aínda para facer as cousas ben.

—Vostede afirma que nunca antes recibira amonestación ningunha e, de súpeto, é cesada após facer un comentario crítico en público.

Foi así, ao día seguinte estaba cesada. Nunca recibira ningún expediente ou correo chamándome a atención, nin por escrito nin en persoa, en cinco anos que estiven na xefatura e outros dous como coordinadora previamente. Ao contrario, teño correos de Félix Rubial [ex xerente da área] parabenizándome polo bo manexo da axenda, por colaborar con ONGs humanitarias en África... Iso é demostrábel e teño correos que o acreditan e nos que non din nada malo.

E, por outra parte, tampouco vexo lóxico que manteñas tanto tempo no cargo unha persoa que non consideras válida. Non tiñan problema ningún para botarme se non estaba facendo un bo traballo, pero foi impecábel... Até que fixen esa publicación.

—Fátima Nercellas, Javier Castrillo... O seu non é o único caso recente no que o Sergas cesa unha persoa crítica coa Administración.

Todos e todas as que valoramos máis a ética profesional e priorizamos a saúde dos pacientes e dos nosos compañeiros, cando facemos unha crítica que non lles gusta rapidamente intentan solucionalo para quede en nada. E ademais mentindo, dando unha imaxe túa que non é verdadeira. A xente que me coñece tampouco me ve recoñecida nesa versión que difundiu o Sergas sobre min.

—Ve certas semellanzas entre o seu caso e, por exemplo, os da doutora Nercellas e o doutor Castrillo?

Hai unha pequena diferenza, que a min non me abriron nin tan sequera expediente ningún. Podes dicir o que queiras, mais as cousas non chega con dicilas, hai que demostralas, e non poden. Desmóntase todo o que eles alegaron sobre a miña traxectoria profesional, que para min era a parte máis importante.

O cesamento da xefatura podo asumilo porque había unha perda de confianza mutura e eu estaba aí de forma transitoria, malia que se demorase máis do previsto. En definitiva, podo admitilo, e de feito a cousa ía quedar aquí, mais logo de ver as declaracións que fixeron nos xornais aos poucos días atacándome xa no eido profesional... Aí decidín facer algo, porque até certo punto case acataba a decisión e non pensaba reclamala, mais cando dubidan de min... E eu, en cambio, non fixen absolutamente ningunha declaración a pesar de que me chamaron de todas partes. Daquela estabamos en estado de alarma e bastante tiña co meu traballo, pero aí decidín que non podía permitir que me atacasen profesionalmente cando sempre fun todo o contrario do que eles din. A dignidade e a ética son moi importantes.

—Ten previsto recorrer esta nova sentenza?

Aínda hai opción de presentar un recurso de casación, mais teño que falalo co meu avogado. O tempo vai pasando; dous anos xa, e isto non avanza moito. Non teño decidido aínda se seguirei adiante ou non.