Europa desminte a Wert e nega que vaia reducir as achegas para Erasmus

Bruxelas afirma que é “completamente falso” o anuncio do ministro de Educación e mesmo o cualifica de “parvada”.

 

Ao ministro de Educación español venlle de caer un, como se diría popularmente, “Zas! En toda a boca”. E non lle veu do profesorado, o alumnado ou as asociacións de nais e pais de estudantes. Ese 'zas!' veulle directamente de Bruxelas, do portavoz de educación comunitario, Dennis Abbot: “As declaracións de Wert suxerindo que o orzamento para Erasmus vai recurtarse e que o número de estudantes de Erasmus no Estado español vai se reducir á metade polos novos criterios de financiamento da UE é completamente falso”. Unha contundente afirmación á que Dennis Asbbot mesmo engadiu: “Dicir iso é unha parvada. Ese anuncio (de Wert) colleunos por sorpresa”.

A Comisión europea culpou ao goberno español de calquera posíbel recorte que se produza nestas axudas a universitarios. “Non sei de onde sae a idea (suxerida polo ministro español) de que polo feito de que o programa sexa máis amplio, as cantidades para estudantes Erasmus van caer”, indicou o voceiro desta comisión.

Wert, recuando

Ante o contundente desmentido da Unión Europea, Wert atribuiu a “malinterpretacións” de “persoas” a polémica. “Estanse a falar de cousas distintas, non polo que nós dixemos senón polo que outros interpretaron que dixemos”.