A Eurocámara investigará a denuncia de "vulneración de dereitos humanos" no psiquiátrico de Conxo

Facha do Psiquiátrico de Conxo.

Esquerda Unida critica falta de actuación da Xunta nun centro que é "máis semellante a unha prisión".

A Comisión de Peticións do Parlamento Europeo investigará a denuncia de "vulneración de dereitos humanos" no psiquiátrico de Conxo, en Santiago de Compostela.

A presidenta da Comisión de Peticións, Dolors Monserrat, informa de que se vai a proceder a esta investigación en resposta a un requirimento realizado pola coordinadora nacional de Esquerda Unida, Eva Solla.

En rolda de prensa hoxe en Santiago, Solla lembrou que en 2017 o Mecanismo Nacional de Prevención da Tortura realizou un informe "terríbel" sobre este centro, onde "se vulneraban dereitos fundamentais" dos pacientes psiquiátricos.

Entre outras cuestións, o informe recollía un uso "abusivo e incorrecto" da contención mecánica, con persoas atadas ás súas camas nalgúns casos até 12 días seguidos.

Tamén se identificaba un número "bastante grande" de ingresos involuntarios que non estaban correctamente rexistrados, un réxime de alimentación cada 12 horas e un "exceso" do emprego de sedacións.

Após non obter unha resposta da Xunta de corrección destas deficiencias, a finais de 2019 o Mecanismo Nacional de Prevención da Tortura volveu enviar unha advertencia ao Goberno galego que insistía en que "a maioría" dos problemas seguían sen corrixirse, segundo explica Eva Solla.

Por iso, Esquerda Unida decidiu a comezos de 2020 realizar esta petición á UE ante a falta de actuación da Xunta, xa que a día de hoxe non existe constancia de que "cambiase practicamente nada" no uso de "medidas coercitivas".

Eva Solla censura que "non pode ser que se vulneren sistematicamente durante anos os dereitos fundamentais destas persoas" nunha unidade de saúde mental, que é "máis semellante a unha prisión".

Agora, a Comisión de Peticións dá conta da admisión a trámite desta problemática, xa que o asunto "entra dentro dos ámbitos de actuación da Unión Europea", segundo figura no escrito.

Precisamente, a Comisión de Peticións explica que en xullo houbo unha resolución do Parlamento Europeo en favor das persoas con discapacidade intelectual durante a crise da covid-19, mentres se traballa nun Libro Verde para mellorar a saúde mental da poboación.

A líder de Esquerda Unida indica que tamén se vai a trasladar esta información a colectivos galegos en defensa da saúde mental por se queren adherirse á denuncia.