Covid-19

A Eurocámara avala manter máis un ano o certificado Covid para viaxar pola UE

O Parlamento Europeo avalou a medida durante o pleno desta quinta feira. (Foto: Alberto Ortega / Europa Press)
Prevese que en setembro haxa vacinas contra a variante Ómicron.

O pleno do Parlamento Europeo avalou esta quinta feira manter un ano máis o uso do Certificado Covid na Unión Europea (UE) como instrumento para garantir as viaxes sen restricións da cidadanía da UE dentro do espazo comunitario, até xuño do próximo ano, aínda que condicionado a unha revisión a medio prazo para valorar se a situación pandémica exixe mantelo en vigor.

A Comisión Europea propuxo esta prórroga para evitar que a validez do documento caducase este mes xuño, ás portas do período vacacional, tras constatar que a presenza do coronavirus nos países da UE "é alta".

O certificado permite ao seu titular demostrar que conta coa pauta completa de vacinación necesaria para viaxar sen restricións, que superou a doenza recentemente e ten anticorpos ou que conta cunha proba diagnóstica que certifica que non supón un risco.

Coa posición dos eurodeputados fixada, a Eurocámara poderá agora iniciar as negociacións cos 27 Estados para acordar as condicións da prórroga, aínda que se espera un acordo rápido porque non é un expediente problemático.

Vacinas contra Ómicron

O xefe de Estratexia de Ameazas Sanitarias Biolóxicas e Vacinas da Axencia Europea do Medicamento (EMA, polas súas siglas en inglés), Marco Cavalieri, adiantou en rolda de prensa que o organismo prevé aprobar as vacinas contra a Covid-19 adaptadas a Ómicron e outras variantes en setembro.

"A nosa prioridade é garantir que as vacinas contra a Covid-19 adaptadas se aproben como moi tarde en setembro, para que estean listas para o despregamento das novas campañas de vacinación na Unión Europea no outono. Isto permitiría aos fabricantes axustar as súas liñas de produción en consecuencia", precisou o membro da EMA.

"Os ensaios clínicos das vacinas adaptadas deben demostrar que son superiores ás actuais vacinas autorizadas da Covid-19 contra Ómicron e outras variantes", engadiu Cavalieri.

Aumentan os casos activos até os 16.728

Os pacientes hospitalizados pola Covid-19 na Galiza descenden a 703, que supoñen nove menos que o día anterior, mentres que os casos activos mudan de tendencia e aumentan no conxunto do país até os 16.728, que implican 616 máis, despois de rexistrarse outros 1.572 novos contaxios (catro máis). Pola súa parte, a taxa de positividade sobe lixeiramente até 32,7%.