O eucalipto ocupa xa máis de 438.000 hectáreas, 6% máis que en 2022
É a especie que máis aumentou nestes anos malia a moratoria.
O avance do Inventario Forestal Continuo da Galiza (IFCG) presentado esta quinta feira no Campus Vida da Universidade de Compostela (USC) pon cifra á superficie que o eucalipto ocupa na Galiza: 438.156 hectáreas. Son 19.000 hectáreas máis que en 2023 e 25.000 máis que en 2022, o primeiro ano enteiro de aplicación da moratoria que a Xunta da Galiza aplicou sobre esta especie. Nós Diario avanzou esta terza feira que o IFCG apuntaba a un aumento das hectáreas de eucalipto até situarse por riba das 430.000 hectáreas.
Para Juan Pintos, investigador da Universidade de Vigo (Uvigo), e un dos responsábeis do Inventario, a orixe desas hectáreas non se debe necesariamente a que se plantasen durante a moratoria, senón que "as detectamos" durante esta prohibición. Para Belén Rodríguez, portavoz de Adega, e Manuel Santos, de Greenpeace-Galiza, sen embargo, os datos confirman que a moratoria foi "fraudulenta" e "fracasada". O avance presentado esta quinta do Inventario —que acumula meses de atraso e dáse a coñecer un mes despois da decisión da Xunta de prorrogar a moratoria permitindo substituír piñeiros por eucaliptos en máis de 15.000 hectáreas— rexistra como ningunha outra especie aumentou tanto en superficie estes anos como o eucalipto. Se entre 2023 e 2024 o eucalipto ocupou 19.000 novas hectáreas, as coníferas apenas gañaron 200, situándose en 446.897. As frondosas, pola súa parte, incrementaron en 3.000 hectáreas máis e ocupan un total de 631.012 hectáreas.
De comparar os datos ofrecidos esta quinta cos do Inventario Forestal Continuo da Galiza correspondentes ao exercicio 2022, esa evolución percíbese con maior nitidez. O terreo que ocupa o eucalipto aumentou en 6% (+25.000 hectáreas), mentres que a das coníferas incrementou en 4% (+18.000) e as frondosas perden superficie: Hai en 2024 un 0,7% menos (-3000 ha) que dous anos antes. Así pois, durante estes dous anos de moratoria do eucalipto foi precisamente esta especie a que máis terreo gañou.
Plan Forestal
As directrices do Plan Forestal da Galiza 2021-2040 contemplaban no seu día dentro da folla de ruta para o monte galego unha suba de 3 % na superficie do eucalipto no período 2021-2025 —entre 2022 e 2024 aumentou o duplo, 6%, e cunha moratoria— e posteriormente unha rebaixa de 4% da superficie no horizonte de 2035 e de 5 % para o ano 2040.
No ano 2011, segundo os datos da Asociación Forestal da Galiza e o Inventario Forestal Nacional do Goberno español, na Galiza había 483.999 hectáreas de frondosas, 562.000 de piñeiros e 368.000 hectáreas de eucalipto. En 14 anos aumentaron en 70.000 as superficies de eucalipto. A crise no sector pola baixada continua de prezos do eucalipto cuestiona o modelo forestal que se está a implementar na Galiza. A Fundación Arume —que aglutina empresarios do sector— advertía xa no verán de que “a superficie ocupada polo eucalipto na Galiza aumentou sen parar desde o primeiro inventario forestal”. Segundo explicaron a Nós Diario desde Arume, “en 12 anos perdéronse 125.000 hectáreas de piñeiro”, fronte a este dato contrastan que as de eucalipto “aumentan a razón de 3.400 hectáreas por ano”.
Na presentación dos avances do Inventario Forestal Continuo da Galicia —que nace da colaboración entre a Universidade de Vigo, a de Santiago e a Xunta a raíz dunha proposta da comisión de expertos e expertas no Parlamento para analizar os incendios de 2016—, Juan Picos resaltou que este proxecto fornece de información e datos para empregar "coxunturalmente", tanto no debate público, como na planificación política e tamén para o propio sector e a sociedade. "É un proxecto vivo, que leva cinco anos proporcionando datos", apuntou.
Pola súa parte, Julia Armesto, doutora en Enxeñería de Montes e investigadora da USC que participa no IFCG, lembrou que esta ferramenta naceu apegada ao territorio galego. "O mapa forestal de referencia antes para a Galiza era o Inventario Nacional [a nivel estatal], que adoecía de non contemplar dúas especificidades do noso territorio: o dinamismo e a fragmentación".
Estimacións
O avance presentado sta quinta tamén contempla os datos preliminares de estimación de existencias —cunha media de 80% medido nas parcelas analizadas—. A distribución por especies indica 67% de pinus pinaster, 23% de pinus radiata e 6% de pinus sylvestris nas coníferas. No que respecta ao eucalipto, a repartición é entre 56% que acapara a especie nitens e 42% da globulus. En frondosas, 44% corresponde á especie 'quercus robur' (carballo común) e 9% quercus pyrenaica (rebolo), mentres que 14% betula (bidueiro) e 7% castanea sativa (castiñeiro).
O total da superficie forestal da Galiza é de 1.521.318 hectáreas, 40.000 máis que en 2022, aumento que se debe nomadamente ao eucalipto (+25.000 ha).
"Cremos que a superficie pode chegar a 600.000 ha"
Os datos do avance do Inventario Forestal Continuo da Galiza tiveron unha resposta pronta desde o movemento ecoloxista. A portavoz de Adega, Belén Rodríguez, afirmou a Nós Diario que "non nos sorprende" o aumento da superficie ocupada polo eucalipto. "Cremos que pode chegar a máis, hai estimacións de que o eucalipto pode ocupar 600.000 hectáreas, incluíndo as masas mixtas", indicou Rodríguez, que considera que con estas cifras está "máis que demostrado o necesario dun cambio radical na política forestal", empezando pola "prohibición desde xa do eucalipto nitens, unha especie invasora para o comité científico do Ministerio de Transición Ecolóxica". Pola súa parte, Manuel santos, de Greenpeace na Galiza, considera que os datos do Inventario Forestal Continuo da Galiza mostran "que a moratoria do eucalipto fracasou de vez". "Os datos do IFCG poñen en evidencia o pouco interese da Xunta da Galiza por cumprir o Plan Forestal e a súa desidia perante a moratoria ao eucalipto", explica Santos, que ve na expansión imparábel do eucalipto unha "confirmación "dos peores prognósticos da sociedade civil, o mundo académico e boa parte do sector forestal da Galiza".